Notas de prensa

Ribadavia acolle 'Antropoloxía visual dunha sociedade confinada', unha ollada fotoxornalística sobre a covid-19

'Antropoloxía visual dunha sociedade confinada' está composta por 27 fotografías e dous vídeos realizados durante o confinamento derivado da pandemia da covid-19. Unha experiencia inédita na nosa sociedade que ten producido enormes cambios e con consecuencias e implicacións perdurables aínda por explorar.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta tarde no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición Antropoloxía visual dunha sociedade confinada. Unha temporal coa que se pretende documentar este fito social e testemuñar visualmente os seus efectos. A mostra inclúe fotografías de Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao e poderá ser visitada até finais de outubro.

Unha reflexión sobre a incerteza

Antropoloxía visual dunha sociedade confinada está composta por un total de 27 fotografías e dous vídeos realizados durante o confinamento derivado da declaración do estado de alarma por mor da pandemia da covid-19. Unha experiencia inédita na nosa sociedade que ten producido enormes cambios e con consecuencias e implicacións perdurables aínda por explorar. Os creadores son profesionais dos medios de comunicación e, polo tanto, testemuñas excepcionais do acontecido durante o confinamento e no período de desescalada até o período acuñado como de ‘nova normalidade’.

As imaxes son no seu conxunto unha reflexión sobre a incerteza. Unha reflexión que agroma ao captar a realidade hospitalaria, os enterros sen o ordinario dó e a asistencia de familiares, as aulas e rúas baleiras, as dificultades polas que pasaron as persoas que fixeron posible o abastecemento dos produtos esenciais ou mesmo a natureza habitando de novo espazos antropizados e momentaneamente deshabitados. Pero ademais amosan a alegría pola curación, o agradecemento aos que están en primeira liña asistencial e de coidado social, así como as novas condicións nas que debemos desenvolver a nosa vida cotiá para manter ao virus a raia.

As adegas históricas no Ribeiro

Previamente, o director xeral de Políticas Culturais presentou na terraza do Museo do Viño de Galicia o libro As arquitecturas históricas do viño de Xosé L. Sobrado Pérez, Juan José Álvarez González, Jorge Lamas Bértolo e Diego Reboredo Prado, “un novo estudo que está a chamado a ser –en palabras de Anxo M. Lorenzo− un texto de referencia para aproximarse ao desde unha perspectiva histórica, a viticultura galega, que ten permitido avances materiais importantes no eido patrimonial ao localizar un conxunto de case corenta adegas históricas no Ribeiro”.

O Museo do Viño de Galicia abriu as súas portas hai aproximadamente un ano e está a dar os seus primeiros pasos no eido da documentación e a difusión do patrimonio vitivinícola da nosa Comunidade. Para acadar este obxectivo, e na senda dunha museoloxía que busca crear comunidade arredor do patrimonio e o territorio, preséntase esta obra dedicada ao estudo dunha manifestación como son os inmobles erixidos para a xestión vitícola, neste caso nas ribeiras do Miño e do Avia.

As adegas son esencialmente un patrimonio funcional, pero adoito elaborado con mestría e, en ocasións, cunha linguaxe arquitectónica que lles achega monumentalidade. Bens que resultan arquitectura do viño e nos falan do estreito vencello entre técnica, vide e territorio. A obra presentada hoxe ofrécenos a paisaxe doutro tempo, interpelando ao lector a non esquecer as ensinanzas do pasado e o legado dos devanceiros.

Museo Etnolóxico de Ribadavia, 2020-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES