A súa programación foi presentada este venres no campus. No acto, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que co apoio a estas iniciativas a institución académica traballa cada vez máis na súa apertura ás comarcas rurais, pondo en valor o feito de que Xurés 2025 constitúe un espazo único no que se encontran profesionais, alumnado e sociedade arredor dunha profesión tan importante como é a educación social. Pola súa banda, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, recalcou que esta actividade enlaza con tres eixes estratéxicos deste centro, como son traballar coa escola rural, afondar no contacto coa profesión e entidades e apostar pola a multi e a interdisciplinariedade, lembrando que neste evento participa un amplo colectivo de alumnado e profesorado dos seus graos de Traballo Social, Educación Social, Educación Primaria e Educación Infantil. En nome do Concello de Lobios, a educadora social María Almeida, salientou o orgullo que supón para un concello do rural con arredor de 1700 persoas como o seu, e para toda a comarca, acoller unha iniciativa desta envergadura e implicarse activamente no seu desenvolvemento.
O profesor Deibe Fernández Simo, membro tanto do equipo directivo da Facultade de Educación e Traballo Social como do Ceesg, destacou en nome da organización a satisfacción de ver como na súa cuarta edición este evento xa está considerado o evento de educación social máis potente que hai a nivel mundial, algo do que nos temos que sentir todos moi orgullosos. Trátase, indicou, dunha proposta diferente que se escapa dun congreso habitual, que constitúe unha boa práctica no que é a conexión e convivencia entre profesión e ámbito universitario e que implica na súa organización e desenvolvemento un amplo colectivo de persoas tanto do ámbito profesional e académico como do tecido social da zona.
Do formativo ao lúdico
Segundo explican desde a organización, desde o ano 2022, esta convivencia converteuse nun espazo único de encontro para visibilizar a profesión de educación social, promovendo ao mesmo tempo a cultura e as tradicións do rural raiano ourensán. Este evento, que cada vez gaña máis forza, apuntan, constitúe unha oportunidade para reflexionar, aprender e compartir, tanto en formato formativo como en actividades culturais e de lecer. Na súa cuarta edición, conta coa participación de 15 universidades con estudos de Educación Social, dez delas lusas, as tres galegas, a de León e a UNED. Igualmente mantén a súa filosofía de ofrecer un programa que integra formación específica para profesionais e estudantes de educación social e ao mesmo tempo ofrece unha morea de actividades abertas ao público, como obradoiros, xogos populares, actuacións musicais e rutas interpretativas pola natureza.
Concretamente, o IV Seminario Internacional de Educación Social versará sobre tres eixes de traballo: acompañamento socieducativo de calidade con infancia, adolescencias e familias vulnerables; desde a acción socioeducativa na escola ata a educación social escolar, e os retos da educación social. Contará con obradoiros, conferencias, presentación de proxectos, mesas de debate, mostras de innovación pedagóxica e máis programación. Tamén haberá unha homenaxe ao profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo xubilado Xosé Manuel Cid por ser un referente para a educación social galega e española. Ademais está prevista a publicación dun libro electrónico titulado Transferencia para as boas prácticas en educación social, estando aínda aberto o prazo de presentación de comunicacións para el. Polo que respecta ao Festival Xurés Son está previsto que conte coas actuacións musicais de Caamaño&Ameixeiras, Sabela, Eris Mackenzie, Catuxa Salom, O Sonoro Maxín e outras. A organización do programa lúdico recae no tecido asociativo da zona, contando co apoio da facultade e Ceesg.
A actividade, que conta cun amplo panel de apoios, como a Consellería de Política Social e Igualdade e a Deputación de Ourense, está pensada principalmente para profesionais e estudantes de Educación Social de calquera lugar, pero tamén é aberta a todas aquelas persoas interesadas en participar, sendo as actividades do sábado pola tarde de acceso libre. A organización agarda superar as cifras de participación de 2024, que ascenderon a máis de 200 persoas na parte formativa e 1800 na parte lúdica, destacando o carácter interxeracional desta cita.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.