
A Rede engloba varios grupos de investigación especializados en áreas como a filosofía pero tamén de ciencias da comunicación, da educación, a filoloxía, a psicoloxía, o dereito, a antropoloxía e, naturalmente, a propia investigación en IA.
Na sesión de apertura deste venres aprobáronse os estatutos e debateuse sobre as primeiras iniciativas da Rede, que nace con vocación de interdisciplinariedade e transversalidade ao integrar persoal investigador de toda España interesado nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA.
Como obxectivos principais, a rede proponse a promoción e difusión dos estudos filosóficos sobre intelixencia artificial (IA) desde distintas perspectivas, fomentando o diálogo intelectual e o intercambio do coñecemento, así como trasladar os seus debates e conclusións ao conxunto da sociedade española.
Para a consecución destes retos organizará reunións científicas de todo tipo con especialistas de múltiples áreas de coñecemento e ten previsto presentarse ás convocatorias competitivas que teñan como obxectivo o financiamento de proxectos e grupos de investigación no ámbito de estudo.
Por outra banda, formúlase como cometido o impulso da transferencia do coñecemento filosófico sobre a IA cara á sociedade, ás institucións educativas, aos medios de comunicación, ao sector tecnolóxico e aos responsables políticos, contribuíndo así a un debate público informado e a unha toma de decisións máis crítica e fundamentada", explican.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.