
Tamén participaron no acto Xosé Luna, autor do limiar; Amalia López Luchi, ilustradora; e Armando Requeixo.
O poemario Nobelo de luz inspírase na experiencia docente da autora para narrar en primeira persoa os desexos e inquedanzas dun meniño especial que ten dificultades para expresarse e ser comprendido. A obra apela á esperanza para abrirlle os ollos á sociedade e concienciala de que cómpre un mundo máis comprensible e comprensivo. En palabras de Xosé Luna, autor do limiar, Nobelo de luz é unha lección de vida para entender que todos somos diferente(mente) iguais. A obra conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.
A autora
A lalinense Charo Golmar desenvolve o seu labor profesional como docente no CEIP Xesús Golmar de Lalín (Pontevedra). Vencellada desde sempre ao mundo da literatura e da cultura, é colaboradora asidua en obras colectivas e participante activa en actos de recoñecemento a persoas relacionadas dos ámbitos cultural, literario e docente. É, ademais, membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas.
Entroutros galardóns, conta no seu haber con recoñecementos poéticos e é autora de obras colectivas, como Libro dos Reis Magos (2012), Homenaxe a Manuel María (2015-2017) , Homenaxe a Olimpio Arca Caldas (2016) ou Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda (2017).
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.