
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo de Peregrinacións e de Santiago Viae ad limina Sancti Iacobi do debuxante e calígrafo lucense Chencho Pardo Valdés. Unha mostra composta por 42 debuxos e dúas cartografías nos que cobran protagonismo abondosas cidades, vilas e lugares do país vinculados coas rutas xacobeas, lugares en palabras do conselleiro− que nos presentan e representan ante o mundo.
No acto inaugural tomaron parte, ademais do conselleiro, o alcalde do Concello de Santiago en funcións, Gumersindo Guinarte; o artista, Chencho Pardo Valdés, e a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Esperanza Gigirey.
Coñecendo Galicia
Román Rodríguez salientou o carácter excepcional desta mostra, que cualificou como proxecto vital, tanto polos anos de dedicación como pola imaxinación, o talento e a minuciosidade amosados polo artista para ofrecérmonos unha recreación das paisaxes urbanas galegas que emerxen ás beiras do Camiño nas súas diferentes rutas, e nas que se erixen algunhas das faces máis recoñecibles do país; exemplo histórico, presente e futuro de hospitalidade.
O titular de Cultura da Xunta afirmou que se homes, da valía de Domingo Fontán, Otero Pedrayo ou Francisco Río Barja afondaron, no coñecemento de Galicia a través dunha disciplina como é a Xeografía, Chencho Valdés profunda tamén no coñecemento desta materia, pero desde a arte. Porque Galicia é unha materia que non se esgota; unha materia sobre a que nunca se deixa de aprender.
A colección máis querida
Viae Ad Limina Sancti Iacobi é a colección máis querida do artista Chencho Pardo Valdés, quen gardou con esmero os debuxos relativos a Galicia e pasaron a formar parte da súa colección privada. Esta exposición sobresae pola calidade artística dos debuxos e a súa minuciosidade. A maiores, a caligrafía que acompaña ás obras plásticas ten o estilo propio do autor e enfía un interesante relato histórico que, á súa vez, estrutura a mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 31 de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago no horario de apertura do centro.
O Camiño de Santiago está aberto a visións e a novas interpretacións. Chencho Pardo achega as súas a través dos seus aparellos: o lapis e a cor. A realidade que o autor ofrece nos seus debuxos materialízase de formas diversas pero coa característica común da meticulosidade. O realismo é o xusto e necesario, pero quen observa sabe que ve a práctica totalidade dunha vila ou cidade galega porque capta os integrantes esenciais que forman a súa paisaxe, como un edificio ou un monte.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.