
A exposición que se inaugurou no pasado xullo, poderá visitarse ata o vindeiro sábado 5 de setembro. Costa tamén incita a concibir, a través de toda unha serie de obras nas que a luz e as sombras manteñen unha intensa tensión interna, a volta ao esencial como o camiño que permita atopar eses rastros de humanidade perdidos, explica o artista. Obras de gran formato, intensos cromatismos, xeometría e figuración variables, así como unha sobriedade contida, son algúns dos trazos deste proxecto expositivo que se manterá aberto ata o sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, na sala de exposicións do Colexio de Fonseca.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.