Noticias

Os museos da Xunta súmanse ao Día dos Museos con máis dunha trintena de actividades presenciais e en liña

A Xunta de Galicia celebra o Día dos Museos, o vindeiro martes 18 de maio, coa organización de múltiples actividades nos centros museísticos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase dun conxunto de máis de 30 actividades presenciais e en liña que abranguen obradoiros, visitas guiadas ou concertos, entre outros. Baixo o lema O futuro dos museos, recuperar e imaxinar escollido este ano polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), porase o foco na progresiva incorporación e transformación dixital nos museos galegos. As celebracións deste ano estarán marcadas tamén pola recente entrada en vigor da primeira lei galega que regula de forma autónoma e independente estes centros e que supón contar con eficaces ferramentas e cunha regulación máis detallada e precisa.

As conmemoracións do Día Internacional dos Museos terán como acto central o propio 18 de maio un acto institucional presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez desde o Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC) e coa participación dos responsables dos museos da Xunta de Galicia

A Coruña

No que se refire á programación, na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes ofrece hoxe sábado visitas guiadas á colección ás 12,00, ás 18,00 e ás 20,00 horas. Nesta mesma xornada, desenvolveranse obradoiros en familia e o concerto de Paul Álvarez Project, unha proposta musical que fusiona flamenco e jazz e que se poderá seguir tamén en liña. O martes haberá novamente visitas guiadas á colección, coa idea de desfrute da arte como fío condutor, ás 12,00, 18,00 e 19,00 h.

Tamén no marco desta conmemoración, o museo presentará o mércores 19 o proxecto Audioguías emocionais, realizado co IES Menendez Pidal, no que a partir dunha selección de obras do museo, o alumnado participante contará as emocións que lles causou a obra escollida. Finalmente, representarase o sábado 22 o espectáculo teatral Manuela é unha inuit, de Sr. López Producións.

Santiago de Compostela

En Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago organiza para hoxe sábado un obradoiro de ilustración nos soportais do museo, co ilustrador e humorista gráfico Xosé Tomás, e, pola tarde, terá lugar o monólogo de Paula Carballeira Os camiños máis longos. A celebración continúa o domingo 16 co concerto Cores, contos e rock´roll con Ramona Órbita, unha proposta multidisciplinar e interactiva dirixida á cativada, chea de música, creatividade e diversión. O martes 18 volverá a música ao museo con Abraham Cupeiro e o seu traballo Resoando no pasado, un achegamento á historia da música.
Pola súa banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) programou para a vindeira semana un conxunto de actividades para todos os públicos vencelladas coa música, as artes audiovisuais, a arquitectura e as exposicións. Así, os días 18 e 19 desenvolveranse dúas sesións do obradoiro en liña Escoita profunda, e do 20 ao 22 haberá un ciclo de proxeccións abertas ao público arredor de Pauline Oliveros. O sábado 22 terá lugar unha ruta arqueolóxica por Santiago, partindo do CGAC e o domingo, as persoas que se acheguen ao museo ás 12,00 h poderán participar nunha visita guiada ás actuais exposicións do centro.

Na Cidade da Cultura, ao longo de toda a xornada do 18 de maio, o Museo Centro Gaiás apostará pola programación en liña e os novos formatos para achegar o seu programa expositivo aos fogares de toda a cidadanía, ofrecendo nesta efeméride visitas en liña e en aberto á exposición Faraón. Rei de Exipto, que está a bater marcas de asistencia entre o público. Así, de 10,00 a 14,00 horas desenvolverase o programa de visitas en liña para centros escolares, un novidoso sistema a través de videoconferencia no que os centros de ensino poderán coñecer de primeira man os contidos da exposición desde a súa propia aula.

Ás 17,00 terá lugar –neste caso destinada a todo o público interesado– unha visita en liña tamén á exposición Faraón. Rei de Exipto, que se pode seguir de balde a través de videoconferencia inscribíndose nesta ligazón ou na web da Cidade da Cultura. A programación do Día dos Museos no Gaiás inclúe tamén a estrea en Santiago de Compostela de Formas da Aparencia, peza audiovisual da artista Verónica Vicente creada dentro das Residencias Artísticas do Gaiás REGA, en colaboración co RESIS Festival. A peza poderá verse en pantallas proxección ao longo de toda a xornada, no andar primeiro e segundo do Museo Centro Gaiás.

Ourense

En Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial ofrecerá o martes 18 a actuación de Quico Cadaval A memoria reimaxinada, no Liceo de Ourense, que se poderá seguir tamén en liña a través das redes sociais. Ademais, no marco desta conmemoración, este centro está a desenvolver en diversos centros educativos os obradoiros didácticos para a rapazada O meu, o teu, o noso museo. Xunto a eles, programouse tamén unha actividade didáctica para escolares de Primaria na que deberán crear o seu propio museo a partir de pezas do Arqueolóxico Provincial.

Por outra banda, ata o 13 de xuño proxectarase sobre o edificio do museo na Praza Maior o vídeo Pasado, presente e futuro, no que se amosan imaxes do centro en diferentes épocas e a recreación de como quedará tras as obras que se están acometendo nel.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia ofrece mañá sábado un concerto de música folk, a cargo de Antonio Luis Pedraza, co seu traballo Fierro. Un viaje musical a la despoblación. O vindeiro venres 28, terá lugar a presentación da colaboración entre o centro museístico e o CIFP Portovello de Ourense, a través do Proxecto Museo Aberto 2021 A escola na memoria. Tamén se desenvolverá un obradoiro de pesca fluvial co IES do Ribeiro. Ademais, o martes 18 difundirase a través das redes sociais do museo un vídeo cun percorrido polo centro.

O Museo do Viño de Galicia, situado tamén en Ribadavia, utilizará as redes sociais para difundir a partir do martes pílulas audiovisuais de adegueiros e colleiteiros de diferentes denominacións de orixe para abordar o saber tradicional na elaboración actual dos viños

Pontevedra

Na provincia de Pontevedra, o Museo do Mar, en Vigo, organizou unha xornada de portas abertas para o martes 18, de xeito que nesta data se poderá visitar todo o centro de balde. O Museo Massó, en Bueu, tamén está a desenvolver todos os sábados deste mes visitas guiadas gratuítas, de 12,30 a 14,30 horas, ademais de ofrecer os obradoiros en liña para toda a familia Origami mariño, Esta ría é un chollo e Corseando cos Bolechas no museo, a través do seu blog.

Lugo

En Lugo, o Museo do Castro de Viladonga ofrecerá a través da súa web e das redes sociais o concerto de Germán Díaz, gravado en diferentes localizacións do centro. A maiores, a través destas canles poderase ver un recompilatorio audiovisual das Noites dos museos desde 2015.

R., 2021-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (playdoc-tui-2025.jpg) O festival Play-Doc desenvolverá do 29 de abril ao 3 de maio en Tui a súa 22ª edición para conectar memoria, creación actual e futuro do cinema galego e internacional. No ámbito galego, a programación desta edición volve ocupar un lugar central cunha Competición Galicia que reúne títulos de Xiana do Teixeiro, Roi Fernández, Xacio Baño, Adrián Canoura, Cristina Souto, Hugo Amoedo, Bea Lema, Berio Molina e Chloé Lecci López, entre outras voces. O festival mantén, ademais, a sección Sombras, dedicada nesta ocasión á recuperación da figura de Rafael Luca de Tena, e unha nova edición de Coming Soon, espazo no que se presentarán proxectos galegos en desenvolvemento. O Play-Doc continúa a reforzar a súa función de escaparate e plataforma de difusión para a produción audiovisual do país e como punto de encontro para novas obras e profesionais.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

A campaña de escavación arqueolóxica realizada o pasado verán na Cova do Santo, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu avanzar no coñecemento deste xacemento, considerado un dos contextos funerarios máis relevantes da Prehistoria recente en Galicia. Os traballos, dirixidos polos investigadores José Ramón Rabuñal e Diego Lombao, da USC, e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, enmárcanse nun proxecto centrado no estudo do poboamento prehistórico do parque.
O campus de Ourense acolle a celebración do seminario internacional Emprego sostible desde a perspectiva do piar europeo de dereitos sociais. Con el dáse continuidade ao proxecto Jean Monnet titulado 'The central role of the European Union’s social rights in employment in the twenty-first century (RightsEU)', coordinado desde a Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES