//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Esta mostra pode visitarse desde hoxe ata o 25 de xaneiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración desta mostra, onde destacou a importancia desta iniciativa para reforzar os nosos vínculos co país veciño. Neste sentido explicou que o programa Nortear, no que se enmarca a exposición e participa de forma activa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, supón unha oportunidade única para o intercambio transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal arredor de todas as manifestacións artísticas.
Estréase en Vigo 'Cambio de foco', un proxecto de Ártika Cía. en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A estrea será o día 4, ás 20,30 h. e repetiranse funcións o sábado 5 á mesma hora e o domingo 6 ás 20,00 h. sobre o escenario do espazo homónimo da avenida de Beiramar. Este último día, ao remate da función, desenvolverase unha charla coloquio a cargo da Asociación Pvlse sobre diversidade e identidade de xénero, a temática da montaxe. Tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con moi distintos estilos de facer teatro amosan en Cambio de foco a súa visión sobre un mesmo tema.
A programación que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) desenvolve na súa sede da Coruña avanza este mes na súa homenaxe ás pioneiras do cinema, dedicándolle tres sesións a Lois Weber, quen tras comezar a súa traxectoria como actriz, se converteu na primeira muller en dirixir unha longametraxe e nunha activa realizadora durante a segunda década do século XX. Tamén en decembro dá comezo unha ampla retrospectiva dos filmes do director xermano-estadounidense Robert Siodmak, un dos mestres do cinema negro e responsable do seu renacer en Hollywood.
A Cidade da Cultura vén de transformar as Torres Hejduk nun banco sonoro e visual de memorias, pegadas e experiencias do Camiño recollidas durante este ano 2020, marcado pola pandemia da covid-19. Faino a través da intervención artística efémera A distancia da imaxe, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que contou tamén coa presenza do director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Manuel Prol, en representación da Fundación Banco Sabadell. A instalación, que poderá visitarse ata o 7 de marzo, forma parte dunha serie de intervencións artísticas realizadas neste espazo expositivo non convencional, co Camiño de Santiago como eixo e enmarcadas na programación do Xacobeo 2021.
O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo manterá a súa primeira reunión o próximo mércores logo de que a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago acordaran a súa composición. O obxectivo é estudar as últimas evidencias en torno ás figuras e valorar accións conxuntas para a súa reintegración no patrimonio público, seguindo unha folla de ruta sólida e consensuada como se fixo no caso do Pazo de Meirás. A constitución deste grupo de traballo xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía.
A mostra poderá visitarse desde hoxe ata o 4 de abril do vindeiro ano na Cidade da Cultura, con motivo do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. É a primeira grande exposición que se fai desde o falecemento de Díaz Pardo, e trata de albergar todas as perspectivas dunha obra poliédrica que alcanza moitas miradas, pero un só compromiso ético e estético: Galicia.
Diversas persoas e institucións achegaron as 265 pezas que constitúen a mostra: desde a propia familia Díaz Arias de Castro, a colección de Abanca ou o Museo Carlos Maside, entre outras moitas. A través de Sargadelos e do Laboratorio de Formas, Díaz Pardo recuperou elementos sobranceiros da nosa cultura e os convirteu en obxectos do día a día que habitan en fogares de dentro e fóra de Galicia.
A programación de novembro do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) arranca mañá coa proxección na súa sede da Coruña da primeira das sesións que lle dedicará ás directoras experimentais alemás Renate Sami, Ute Aurand e Dore O. como parte dunha carteleira na que tamén sobresae un ciclo cos seis filmes do filósofo, escritor e cineasta francés Guy Debord. O martes día 3 proxectaranse as fitas de Renate Sami Die Schutzfolie, Broadway Mai 95, Wenn Du eine Rose siehst, Filmtagebuch 1975-85, Japan März 2013 e Cape Cod, mentres que o xoves día 5 será a quenda dos filmes de Ute Aurand Am Meer, In die Erde gebaut, Kopfüber im Geäst, Sakura, sakura, Four Diamonds e Lisa. Ademais, o seu traballo Rushing Green with Horses poderá verse o sábado 7.
O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia. A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás. Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear a pandemia impiden que se desenvolva do xeito habitual.
Un total de 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos vanse incorporar á colección do CGAC-Xacobeo, polo que se enriquecen e complementan os fondos do centro. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou as creacións que resultaron seleccionadas ao abeiro deste programa de adquisición pública de obra de arte. Trátase dun total de 24 obras (algunhas delas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas seleccionadas pola comisión de expertos creada a tal fin entre unhas 350 propostas artísticas presentadas pertencentes a uns 190 artistas. Cómpre lembrar que este programa de adquisición pública de obra de arte púxose en marcha o pasado mes de xullo para que os artistas e as galerías de arte presentaran as súas solicitudes.
O circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño+ acaba de pechar a súa edición de 2020 tras ter ofrecido a cifra de actuacións máis alta da súa historia pese á covid-19. Así, desde mediados de xullo ofrecéronse 410 actuacións de música, teatro, danza, novo circo e maxia en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas profesionais galegas. A posta en marcha do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola evolución da pandemia, a actividade deste ano superou en máis dun 45% á de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.
Co gallo da dedicación do Día das Letras 2020 a Ricardo Carballo Calero, o Colectivo lucense Egeria promoveu unha serie de actividades co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio Fingoi, para estudar e espallar os QUINCE ANOS EN LUGO do profesor e escritor. Co título xenérico de 'CARBALLO CALERO EN LUGO. Don Ricardo de Fingoi', desenvólvense diversas accións, que nestes días culminan coa publicación dun libro dixital.
Dous dos proxectos que adquiren cada ano maior protagonismo no Mes das Letras Galegas para festexalas e honrar o autor anfitrión, desta vez Ricardo Carvalho Calero, xa están dispoñibles para a súa descarga libre e de balde desde o Portal da Lingua Galega. Trátase dos traballos cos que o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) e o IES Ferrol Vello de Ferrol se impuxeron ás numerosas propostas escolares que concorreron á edición 2020 do Concurso-Exposición.
A Cidade da Cultura promove o vindeiro mércores 20 de maio a segunda edición de #CulturaLike, un encontro para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet, que será emitido en liña e reunirá a tres grandes divulgadores da rede: os galegos Déborah García Bello Deborah Ciencia e Miguel Ángel Cajigal El Barroquista e o manchego José Luis Crespo Quantum Fracture. O evento enmárcase no programa de actividades #aculturasegue da Consellería de Cultura e Turismo.
O Programa Talento Mozo levará ás redes sociais as historias de éxito de mozas e mozos galegos relevantes en diferentes eidos como a cultura, a música ou o deporte. Este programa procura achegar á xuventude galega a traxectoria e a experiencia de xente nova da comunidade que serve de exemplo ás nenas e nenos de Galicia. Desta maneira, cada xoves manterase unha charla a través do Instagram de Xuventude (@XuventudeGalicia) cunha persoa moza galega que destaque no seu ámbito.
Boa acollida para a inauguración de Aula Galicia Aberta, o novo programa posto en marcha pola Secretaria Xeral de Emigración, que foi seguido na súa primeira clase por máis de 10.000 galegos a través de Facebook live . A sesión de canto e pandeireta impartida por Leni Pérez, formada por unha parte formativa e divulgativa e unha titoría inmediatamente posterior, recibiu nas primeiras horas desde a súa emisión máis de 2.000 interaccións e preto dun milleiro de comentarios.
Máis de 1500 persoas aprenden galego durante estas semanas a través do cursos en liña que ofrece a Xunta de Galicia no marco do Plan de Teleformación en Lingua Galega para o ano 2020 para residentes tanto na Comunidade como noutras zonas. Un total de 1080 alumnos seguen, ata o 8 de maio e baixo a titorización de profesorado específico, un total de 34 cursos preparatorios das probas de acreditación do Certificado en Lingua Galega (Celga).
O programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM anuncia os seis proxectos de artes do movemento seleccionados para impulsar os seus procesos creativos no marco da cuarta edición. A Agadic contribúe economicamente e facilita as instalacións e o equipo técnico do Salón Teatro de Santiago de Compostela, que será un dos sete espazos receptores das estadías artísticas deste ano, cunha duración de entre dúas e tres semanas segundo os casos.
A Xunta de Galicia está a preparar un amplo paquete de medidas específicas dirixidas a paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19 no sector cultural galego, coa finalidade de preservar a actividade e o emprego das industrias culturais, garantir o cumprimento das programacións previstas e estimular o consumo cultural ao remate do actual estado de alarma.
Minerva, o repositorio institucional da USC, proporciona acceso, dende 2014, a coleccións bibliográficas dixitalizadas e a gran parte da produción investigadora e docente da Universidade de xeito aberto e en liña. Na actualidade, este fondo online está estruturado nos apartados Arquivo Histórico Universitario con 363 documentos; Biblioteca, o cal consta de 3411 recursos; Docencia e Innovación Educativa con 643; I+D+I, dotado de 12753 elementos; e Institucional con 2110.
Está formada por cerca de 130 postais de principios do século XX que amosan as primeiras fotografías coñecidas de peregrinos. Trátase dunha mostra itinerante que arrancou no Cebreiro o pasado mes de outubro e que foi facendo paradas ao longo do Camiño Francés ata chegar a Compostela, onde se poderá visitar ata finais do mes de abril. A través de dez paneis, a exposición propón viaxar no tempo partindo das catro vías históricas do Camiño Francés para entrar en España por Roncesvalles e Somport.