Notas de prensa

O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e o IES Ferrol Vello de Ferrol gañan o Concurso-Exposición Letras Galegas 2020

Dous dos proxectos que adquiren cada ano maior protagonismo no Mes das Letras Galegas para festexalas e honrar o autor anfitrión, desta vez Ricardo Carvalho Calero, xa están dispoñibles para a súa descarga libre e de balde desde o Portal da Lingua Galega. Trátase dos traballos cos que o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) e o IES Ferrol Vello de Ferrol se impuxeron ás numerosas propostas escolares que concorreron á edición 2020 do Concurso-Exposición.

A situación derivada das circunstancias pola Covid-19 obriga a adiar as presentacións oficiais e os actos de entrega de premios (cadanseus 2000 euros e lote de produtos lácteos cedido por Feiraco S.L., para alén da certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación; 30 no caso da coordinación docente do proxecto), así como a impresión e distribución en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración e a súa exhibición nas estacións ferroviarias das sete cidades galegas en colaboración con Renfe Viajeros e a Adif.

Con todo, a Consellería de Cultura e Turismo difúndeos desde o Portal da Lingua Galega e anima a todos os centros de ensino, institucións, asociacións, concellos e colectividades que participan na festa grande da lingua galega tanto desde Galicia coma desde o exterior os compartan e os visibilicen desde as súas canles dixitais para divulgar a figura e o legado de don Ricardo. A produción e distribución física dos materiais, xogos de carteis e unidades didácticas, retomaranse cando poidan xestionarse con garantías plenas de seguridade sanitaria.
O CEIP San Luís Romero, gañador por terceira vez consecutiva

A exposición gañadora na categoría de centros de educación infantil e primaria é Recordando Carvalho Calero, do CEIP carballés Xesús San Luís Romero, que ostenta o galardón por terceira vez e bate todas as marcas ao facelo de maneira consecutiva. A proposta intégrana unha serie de carteis que combinan da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada), coa finalidade de difundir a vida e a obra de Carvalho Calero entre o público máis novo, incluído o que presenta necesidades específicas de apoio educativo.
O IES Ferrol Vello ilustra “a vida polo galego” do ferrolán

Na categoría correspondente ao resto dos centros e niveis educativos (educación secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas especiais) a mostra gañadora foi Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello de Ferrol (A Coruña): unha exposición que consegue plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero a través dun harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade, acadada mediante a recorrencia de imaxes do autor, do seu barrio natal, o Ferrol Vello, e do veleiro como símbolo da súa singradura vital.
Recursos, ferramentas e divulgación desde e pao ámbito educativo

Os centros educativos atopan un ano máis en en www.lingua.gal/dia-letras-galegas os recursos elaborados polo alumnado e profesorado pertencentes aos EDLG, que, desta volta, permitirán traballar desde a casa a figura de Carvalho Calero en todos os niveis educativos preuniversitarios, sen esquecer o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Ás dúas mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020 únense as unidades elaboradas desde Escolas Católicas; as actividades, tanto imprimibles como interactivas, do Seminario Galán; os materiais audiovisuais, como videopoemas, pequenos documentais feitos polo alumnado e ata o xa clásico telexornal do CPI dos Dices, con entrevistas a expertos e persoas próximas a don Ricardo; xogos de taboleiro, pasapalabras e mesmo salas de escape para aprender sobre o autor das Letras xogando; e tamén concursos, como o II Certame de podcasts Xosé Mosquera Pérez ou o de marcapáxinas do IES San Clemente, que é de ámbito internacional.

Tamén están dispoñibles neste web as unidades didácticas sobre Carvalho Calero deseñadas pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, coordinadas por Teresa Crisanta V. Pilhado e Eduardo Maragoto e diagramadas por Uxio Outeiro.

Xunta de Galicia, 2020-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES