Noticias

O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo reunirase por primeira vez o vindeiro mércores

O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo manterá a súa primeira reunión o próximo mércores logo de que a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago acordaran a súa composición. O obxectivo é estudar as últimas evidencias en torno ás figuras e valorar accións conxuntas para a súa reintegración no patrimonio público, seguindo unha folla de ruta sólida e consensuada como se fixo no caso do Pazo de Meirás. A constitución deste grupo de traballo xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía.

O equipo está presidido polo profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Emilio Grandío Seoane. Como expertos do ámbito da xurisdición civil e penal participan os letrados da Asesoría Xurídica da Xunta Isabel Novo Castro e Guillermo Folgueral Madrigal, o exdirector da Asesoría Xurídica do Concello de Santiago Xoaquín Enrique Monteagudo, o actual director, Manuel Cutrín, e o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto Lago. Do eido cultural e artístico, forman parte o director de Proxectos Culturais e Artísticos do Real Colexio Complutense de Harvard, Francisco Prado-Vilar, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Ademais, intégrase neste grupo Javier Suárez en representación da Avogacía do Estado. A función da Secretaría será exercida pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

A constitución deste grupo de traballo -acordada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodriguez, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo-, xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía a través dun labor serio e rigoroso grazas ao asesoramento destes especialistas xurídicos e históricos.

Ben de Interese Cultural

As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela e declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia o pasado ano 2019 como parte do seu compromiso coa súa recuperación para o dominio público. Esta declaración supón obrigas legais para os propietarios, entre elas, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado, algo que non consta neste momento na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En concreto, a lei 5/2016, o 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, recolle que o traslado de bens mobles declarados de interese cultural, como é caso de ambas estatuas, “deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural”. Así mesmo, “indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento”.

Igualmente, en relación ao resto de ben mobles, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio están á disposición do que a autoridade xudicial poida determinar ao respecto. Cómpre lembrar que as Torres de Meirás foron declaradas ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, polo decreto 299/2008, do 30 de decembro.

R., 2020-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES