Notas de prensa

Máis de 10.000 galegos en todo o mundo seguen a clase inaugural de Aula Galicia Aberta

Boa acollida para a inauguración de Aula Galicia Aberta, o novo programa posto en marcha pola Secretaria Xeral de Emigración, que foi seguido na súa primeira clase por máis de 10.000 galegos a través de Facebook live . A sesión de canto e pandeireta impartida por Leni Pérez, formada por unha parte formativa e divulgativa e unha titoría inmediatamente posterior, recibiu nas primeiras horas desde a súa emisión máis de 2.000 interaccións e preto dun milleiro de comentarios.

A clase xa está dispoñible no resto de redes sociais e na propia web da Secretaría, Galicia Aberta (emigracion.xunta.gal), xunto ao resto de información acerca desta nova iniciativa, que pretende achegar a cultura e tradicións de Galicia a todos os galegos do mundo e minimizar as limitacións formativas que a pandemia do coronavirus está a ocasionar nas preto de 200 entidades de orixe galega que hai repartidas polo planeta, nomeadamente en Europa e América. “Os centros galegos de todo o mundo fan diariamente un labor de difusión e preservación da nosa cultura e a nosa historia fundamental para a presenza que Galicia ten hoxe no mundo enteiro”, salientou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. “Por iso, é en momentos coma este, nos que os centros se ven forzados a ralentizar a súa actividade, nos que Galicia ten que tomar a dianteira e colaborar coas ferramentas que ten á súa disposición a que ese traballo incesante e voluntario non se deteña”, engadiu.

Máis de 42.000 minutos en directo

Os asistentes a esta primeira clase virtual, que chegou a máis de 17.000 persoas, reproduciron un total de 45.000 minutos da sesión formativa, dirixida non só a xente con coñecementos previos na disciplina, senón tamén a aqueles que queren achegarse a ela desde cero. Canto e pandeireta continuará centrando, grazas a Leni Pérez, os seminarios dos luns durante as vindeiras nove semanas, mentres percusión farao os martes con Alexandre Fernández Castro, gaita os mércores con Jhonathan Ferreira, e baile os xoves con José Antonio Viñas, todos en horario de 20 a 21 horas para o contido lectivo, e de 21 a 22 para resolver as dúbidas.

A propia comunidade autónoma de Galicia tivo un peso fundamental no éxito desta primeira convocatoria formativa da Secretaría Xeral da Emigración, no que tamén salientou A Arxentina (non só a cidade e o resto da provincia de Bos Aires, senón tamén outras, como Santa Fe ou Mar del Plata) polo número de asistentes a esta sesión virtual de canto e pandeireta, así como O Uruguai e Brasil, e mesmo outras comunidades autónomas españolas como Madrid ou Cataluña.

Material docente gratuíto

Aqueles interesados que non poidan asistir ás clases en directo poderán visualizalas no momento que desexen e as veces que precisen na web de Galicia Aberta (emigracion.xunta.gal), onde se colgarán unha vez rematada a clase, así como o material que os profesores faciliten. Este estará dispoñible unha semana antes para que os alumnos poidan preparalos, se o docente o considera aconsellable. Os seminarios, que se prolongarán durante dez semanas, estarán integrados por unha decena de clases que, malia seguir un fío condutor, poderán ser atendidas de xeito independente para dar máis liberdade ao usuario.

Este novo programa complementa o dos obradoiros tradicionais, que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dun profesor, desprazado desde Galicia, de algunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. A actual situación, tanto en España, que continúa en Estado de alarma, como noutros países, fai, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que a Secretaría Xeral da Emigración continúa a buscar medidas como esta que aminoren parte das consecuencias que esta pandemia está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

Secretaría Xeral de Emigración, 2020-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES