Noticias

O CGAI proxecta en novembro un ciclo sobre tres directoras experimentais alemás e a filmografía de Guy Debord

A programación de novembro do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) arranca mañá coa proxección na súa sede da Coruña da primeira das sesións que lle dedicará ás directoras experimentais alemás Renate Sami, Ute Aurand e Dore O. como parte dunha carteleira na que tamén sobresae un ciclo cos seis filmes do filósofo, escritor e cineasta francés Guy Debord. O martes día 3 proxectaranse as fitas de Renate Sami Die Schutzfolie, Broadway Mai 95, Wenn Du eine Rose siehst, Filmtagebuch 1975-85, Japan März 2013 e Cape Cod, mentres que o xoves día 5 será a quenda dos filmes de Ute Aurand Am Meer, In die Erde gebaut, Kopfüber im Geäst, Sakura, sakura, Four Diamonds e Lisa. Ademais, o seu traballo Rushing Green with Horses poderá verse o sábado 7.

A Filmoteca de Galicia recupera así os pases destas dúas cineastas, previstos inicialmente para o pasado mes de marzo, aos que se lles suma agora unha sesión centrada en Dore O. No seu caso, exhibiranse Frozen Flashes, Blonde Barbarei e Kaskara, que chegará á Coruña o día 25 en colaboración co Festival de Sevilla.

Tamén en novembro, o público cinéfilo terá a oportunidade de afondar na filmografía do membro máis destacado do movemento situacionista a través do ciclo Guy Debord (1932-1994): Contra o cinema. O francés orientou a súa actividade cinematográfica cara á negación permanente da institución, feito que na práctica representou unha aplicación experimental da directriz situacionista de superación da arte. Así, por exemplo, a súa primeira acción pública consistiu na proxección dunha película sen imaxes e a última en privar o mundo da posibilidade de ver as súas películas.

Copias dixitais restauradas

Este especial presenta os xoves 12, 19 e 26 deste mes novas copias dixitais restauradas das seis películas de Guy Debord, montadas e realizadas entre 1952 e 1978, tendo en conta que o seu último filme non se amosou publicamente ata 1981. A primeira delas será Hurlements en faveur de Sade (1952), baseada na creación de situacións para xerar unha antipelícula na que xa apunta a senda que seguirá a súa obra cinematográfica.

Os dous títulos seguintes, Sur le passage de quelques personnes à travers une assez courte unité de temps (1959) e Critique de la séparation (1961) aparecen inscritas no movemento de axitación cultural e política que promove a Internacional Situacionista (1957-1972) creada por Debord: rescatar a vida, esta última convertida en mercadoría, segundo a lóxica do espectáculo.

Ademais, no CGAI poderá verse a adaptación fílmica de 1973 do seu mítico ensaio A sociedade do espectáculo, que reúne un torrente de imaxes apropiadas e resignificadas (westerns e cine bélico de Hollywood, propaganda soviética, publicidade, pornografía...) xunto cunha análise teórica e política da sociedade a través da voz en off do propio autor. As críticas e oposicións a esta fita foron contestadas dous anos despois polo mesmo Debord en Réfutation de tous les jugements, tant élogieux qu’hostiles, qui ont été jusqu’ici portés sur le film La société du spectacle.

Este periplo cronolóxico pola súa filmografía concluirá con In girum imus nocte et consumimur igni, unha reflexión sobre o situacionismo a modo de fin de festa onde o autor manifesta o seu rexeitamento a unha sociedade narcotizada e autocompracente.

Continúa a retrospectiva de Angela Schanelec

En novembro, o CGAI continuará coa súa completa retrospectiva da cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da chamada Escola de Berlín. Programaranse cinco novos pases o mércores día 4 (Passing Summer, 2011), o venres 6 (Marseille, 2004), o mércores 11 (Afternoon, 2007), o venres 13 (Orly, 2010) e o mércores 18 (The Dreamed Path, 2016).

Xa a finais de mes, o día 27 levarase a cabo a primeira proxección de Vitalina Varela, de Pedro Costa, da que haberá unha segunda sesión en decembro. O filme narra a historia dunha muller de 55 anos procedente de Cabo Verde que chega a Lisboa tres días despois de celebrar o funeral do seu marido, emigrado tempo atrás, nun momento que agardou durante máis de 25 anos.

Lois Patiño

Tamén destaca nesta carteleira de novembro a sesión dedicada a Lois Patiño, coincidindo coa estrea comercial de Lúa Vermella. Así, a sección Off Galicia/NCG10 proxectará os seus traballos Costa da Morte e Fajr o sábado 14 de novembro.

En novembro CGAI continúa a concentrar as proxeccións nunha única sesión diaria ás 19,30 h. de martes a venres e ás 18,00 h. os sábados, dando cumprimento ao protocolo de control sanitario. A entrada seguirá sendo gratuíta.

R., 2020-11-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES