
A montaxe, inspirada no conto de Mia Couto Sapatos de tacão alto, xorde dun traballo de investigación a través do que Ártika pretende establecer unha ponte entre a creación e o público, que permitirá coñecer como percibe cada persoa as distintas pezas que compoñen a obra. As espectadoras e espectadores son, pois, parte fundamental deste proxecto, de xeito que ao remate da representación realizarán unha pequena enquisa como complemento ao obradoiro.
Marcos Alonso, Alfredo Rodríguez e Rafael Rey ocúpanse da dirección e dramaturxia baixo a coordinación xeral de Anxo Fernández. O elenco está conformado por Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey, Mathias Rodríguez, Carlos Gallardo e Tomé Mouriño.
Vigo como polo creativo
A iniciativa responde á colaboración que o CDG mantén esta temporada con espazos creativos e compañías escénicas que traballan na cidade de Vigo para o desenvolvemento doutras tantas coproducións, entre as que tamén se atopan Clásicas desfeitas de Nononon.lab e Outras miradas de Teatro Ensalle.
No caso da Sala Ártika, a súa traxectoria remóntase a 2014, cando abriu as súas portas co obxectivo de lles achegar aos amantes da arte unha nova visión do teatro e a danza. Para transmitir esta paixón pola cultura e as artes, incorporaron á súa actividade cursos e monográficos sobre numerosas áreas, que están dispoñibles ao longo de todo o ano. Adáptanse, ademais, ás distintas idades e niveis para contribuír a que tanto nenos coma mozos ou adultos inicien a súa formación artística.
Venda de entradas
As entradas para Cambio de foco están á venda de forma anticipada a través da web www.artikavigo.com ata unha hora antes de cada sesión por un prezo de 10 euros máis gastos de xestión. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes da sala por 14 euros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.