Noticias

A exposición Noroeste cuarta Oeste: 'roteiros de ficción' promove a colaboración cultural Galicia-Norte de Portugal

Esta mostra pode visitarse desde hoxe ata o 25 de xaneiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración desta mostra, onde destacou a importancia desta iniciativa para reforzar os nosos vínculos co país veciño. Neste sentido explicou que o programa Nortear, no que se enmarca a exposición e participa de forma activa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, supón unha oportunidade única para o intercambio transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal arredor de todas as manifestacións artísticas.

De feito, ao abeiro deste programa desenvólvense iniciativas como o Premio Literario Nortear ou o encontro en formato de residencia artística Nortear Ilustrado San Simón.

Así mesmo, Anxo M. Lorenzo explicou que este programa ten contribuído tamén ao intercambio de fondos bibliográficos entre as principais entidades asociadas á rede de bibliotecas e centros de documentación da Eurorrexión.

Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción percorre, a modo de singradura polo Atlántico, a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. A exposición, comisariada por Xaquín Núñez Sabarís, estrutúrase arredor de catro eixos: Os mapas do Noir, Néboas, misterios e monstros, O síndrome de Ulises e Camiños, Compostela.

Os fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos (desde literatura a filmes pasando polo teatro ou a banda deseñada) que compoñen a mostra deixan ver a solidez e coherencia dun universo creativo e as continuidades dos nosos imaxinarios xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño, mesmo diante da globalización dixitalizada do século XXI.

No acto de inauguración participaron, ademais do secretario xeral de Cultura, o director da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago, o xefe da División de Promoción e Dinamización Cultural na Dirección Rexional de Cultura do Norte, João Ribeiro da Silva, e o propio comisario da mostra.

Colaboración a través da cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, e o Agrupamento europeo de Cooperación Territorial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), participan desde 2015 a través dun Memorando de Entendemento no Programa Nortear para fomentar o coñecemento mutuo e a difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal.

As tres entidades, que colaboran de forma continuada, promoven diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación

R., 2020-12-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Íñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.

Notas

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES