
A intervención foi a gañadora da pasada edición do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do IX Encontro de Artistas Novos (EAN9).
A distancia da imaxe é un proxecto artístico do Colectivo Cantz formado polos artistas visuais Felipe Romero, de Colombia, e Marius Ionut Scarlat, de Romanía que reflexiona sobre as pegadas que o Camiño de Santiago deixa nas persoas que o experimentan, desde o relato oficial a través dos selos da Compostela ou as guías de viaxes, ata as marcas deixadas no propio corpo. Para isto, constrúe un depósito de rostros e vivencias a través da experiencia dos artistas durante o Camiño recollida nun diario fotográfico a modo de fotolibro e dunha serie de entrevistas realizadas na praza do Obradoiro, que se poden escoitar nas Torres Hejduk acompañadas de retratos dos seus protagonistas. Nestas entrevistas, realizadas nun ano marcado pola pandemia, a covid-19 deixa tamén unha importante pegada nas experiencias das persoas camiñantes, que nos seus testemuños aluden ás motivacións que as levaron a emprender o Camiño no momento actual de crise sanitaria.
No acto de apertura desta intervención, o secretario xeral de Cultura destacou que o proxecto se propoña darlle unha volta ás clásicas imaxes que temos sobre o Camiño de Santiago, introducindo ademais a ollada de dous artistas non galegos que, a través do obxectivo das súas cámaras, reinterpretan esta ruta milenaria, afondando nas pegadas que deixa nas persoas que a experimentan. Anxo M. Lorenzo quixo lembrar ademais que a exposición supón un xeito de apoiar e dar visibilidade á arte contemporánea e aos artistas emerxentes, ofrecendo como lenzo un espazo tan pouco convencional como recoñecido, como son as Torres Hejduk, e a través dunha plataforma de apoio á arte tan consolidada como é xa o Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura.
Con este arquivo sonoro e visual, os peregrinos ven prolongada a experiencia do Camiño máis alá da súa chegada ao Obradoiro, deixando a súa pegada nestas torres situadas no cumio da faldra oeste do Gaiás, a cal está precisamente bordeada pola Vía da Prata á súa chegada a Compostela.
Colectivo Cantz
O proxecto do Colectivo Cantz foi elixido como vencedor entre as 11 propostas presentadas ao VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk. Os seus autores traballan a partir da imaxe fotográfica e teñen desenvolvido proxectos en Italia, Colombia, Arxentina, Romanía ou Israel, abordando cuestións como o territorio, a historia e a identidade. A súa traxectoria sitúaos nos límites da lóxica documental, interesándose especialmente en lugares que permiten expandir o medio fotográfico, servindo como dispositivo de reflexión visual.
Felipe Romero Beltrán (1992, Colombia) é fotógrafo e artista visual. Desenvolveu proxectos artísticos en países como Colombia, Arxentina, Israel e España. Actualmente, investiga arredor da imaxe fotográfica e as tensións no territorio. Foi premiado en certames como ArteCámara ARTBO 2019, Encontros da Imagem Discovery Award 2019, Tabacalera Cantera 2019, Photoespaña 2019, New York Times Call 2019, Sony Photography Awards, Canon Student program, Visa pour limage, Burn Magazine Magnum Foundation, Luca Dolega París, ou World Nomads Japón.
Marius Ionut Scarlat (1993, Romanía) está graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Alcalá, pero comezou a súa carreira como fotógrafo tras rematar o Máster en Fotografía artística na Escola TAI. Desenvolveu o seu traballo fotográfico en países como Romanía de onde é orixinario, España, Reino Unido ou Italia. Participou en concursos nacionais e internacionais como PhotoEspaña, Magnum Foundation, Tabacalera, La Máquina, World Nomads, Visa pour limage ou Matera European Photography.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.