
O director de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura de Camiño ComPostal, unha mostra comisariada por José M. Salgado, coordinada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño e apoiada pola Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de fomentar a participación de toda a cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo.
Camiño ComPostal está formada por cerca de 130 postais de principios do século XX que amosan as primeiras fotografías coñecidas de peregrinos. Trátase dunha mostra itinerante que arrancou no Cebreiro o pasado mes de outubro e que foi facendo paradas ao longo do Camiño Francés ata chegar a Compostela, onde se poderá visitar ata finais do mes de abril. Durante o acto de apertura, o director de Políticas Culturais destacou o valor das pezas expostas e subliñou que permiten descubrir monumentos, paisaxes e peregrinos de hai máis dun século.
A través de dez paneis, a exposición propón viaxar no tempo partindo das catro vías históricas do Camiño Francés (Vía de Tours, Podiense, lemovicensis e Tolosana) para entrar en España por Roncesvalles e Somport. As imaxes de peregrinos -ataviados con bordón, esclavina e cuncha de vieira- mistúranse con fermosas postais de monumentos das principais cidades polas que pasa este itinerario, paisaxes e incluso das xentes, oficios e ocupacións da España da época.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.