Notas de prensa

O segundo encontro #CulturaLike promove a reflexión sobre a divulgación cultural e científica en internet

A Cidade da Cultura promove o vindeiro mércores 20 de maio a segunda edición de #CulturaLike, un encontro para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet, que será emitido en liña e reunirá a tres grandes divulgadores da rede: os galegos Déborah García Bello –Deborah Ciencia– e Miguel Ángel Cajigal –El Barroquista– e o manchego José Luis Crespo –Quantum Fracture–. O evento enmárcase no programa de actividades #aculturasegue da Consellería de Cultura e Turismo.

Baixo este programa estanse a lanzar contidos formativos e de lecer de calidade e en liña no contexto actual de emerxencia sanitaria. Esta xornada poderá seguirse en liña e de balde a través da web e redes sociais da Cidade da Cultura.

O evento amosará como os contidos científicos tamén son capaces de converterse en trending topic, demostrando que as ferramentas dixitais serven de aliadas para difundir coñecemento dun xeito accesible, rachando coas canles de acceso tradicionais e permitindo espallar e democratizar sen lindes físicos ou académicos contidos culturais.

#CulturaLike2 enmárcase na programación que a Cidade da Cultura de Galicia desenvolverá con motivo do Día Internacional dos Museos, ao longo da semana do 18 de maio. O encontro contará, por unha banda, coa participación de Déborah García Bello –Deborah Ciencia nas redes–, copresentadora do programa de divulgación científica Órbita Laika (TVE), colaboradora de Galicia por Diante (Radio Galega) e autora científica da Editorial Planeta, onde vén de publicar No tocar. Ciencia contra la desinformación en la pandemia de COVID-19 (Paidós). Divulgadora moi activa en todas as plataformas, conta con máis de 100.000 seguidores entre YouTube, Twitter e Instagram. Foi Premio Tesla de divulgación en 2016, premio Jot Down Ciencia en 2017 e dirixe dende 2016 as xornadas Ciencia y Arte coa Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim.

Doutra banda, intervirá o manchego José Luis Crespo, coñecido na rede como Quantum Fracture, físico e divulgador con máis de dous millóns de seguidores na súa canle de YouTube e medio millón máis nas diferentes redes sociais. O seu traballo revolucionou as redes, demostrando que se pode cativar a millóns de persoas falando de ciencia. Colabora con institucións como o CSIC, o Instituto de Física Teórica ou o CERN.

Os dous coñecidos divulgadores, en conversa con Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista, falarán de como enfocar a divulgación científica e como lograr que a ciencia pura sexa divertida e poida enganchar a unha audiencia masiva. Darán conta da súa maneira de traballar para que os participantes nesta xornada poidan coñecer como se fai divulgación dende dentro e aprender con eles a divulgar contidos nas diferentes canles.

Da man destes dous destacados creadores de contidos científicos nas redes sociais, os e as participantes de #CulturaLike2 terán a oportunidade de coñecer as claves dos novos relatos en Internet, a potencialidade da súa difusión en liña e as importancia do seu deseño para facilitar a súa comprensión e acadar un maior impacto.

Esta nova cita con #CulturaLike chega despois dunha primeira edición, centrada nos contidos culturais e celebrada o pasado novembro no Museo Centro Gaiás coa presenza do coñecido youtuber Jaime Altozano. Ademais de esgotar as prazas para a asistencia presencial, o evento supera xa as 9.000 reproducións en liña.

Cidade da Cultura de Galicia, 2020-05-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES