Noticias

Inaugurada na Cidade da Cultura a exposición 'As miradas de Isaac', dedicada á visión e o talento de Díaz Pardo

A mostra poderá visitarse desde hoxe ata o 4 de abril do vindeiro ano na Cidade da Cultura, con motivo do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. É a primeira grande exposición que se fai desde o falecemento de Díaz Pardo, e trata de albergar todas as perspectivas dunha obra poliédrica que alcanza moitas miradas, pero un só compromiso ético e estético: Galicia. Diversas persoas e institucións achegaron as 265 pezas que constitúen a mostra: desde a propia familia Díaz Arias de Castro, a colección de Abanca ou o Museo Carlos Maside, entre outras moitas. A través de Sargadelos e do Laboratorio de Formas, Díaz Pardo recuperou elementos sobranceiros da nosa cultura e os convirteu en obxectos do día a día que habitan en fogares de dentro e fóra de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que a Galicia actual ten unha débeda impagable coa visión innovadora da nosa cultura, co talento creativo e co emprendemento tenaz de Díaz Pardo.

“Isaac Díaz Pardo conforma un legado do que todos somos herdeiros; a súa obra é un lugar onde atoparnos”, dixo, subliñando que o pintor, deseñador, ceramista, escritor, empresario e editor, forma parte do pórtico de persoeiros que, a través de diferentes disciplinas, traballaron para construír o que hoxe somos.

Nesta liña, e durante a inauguración da exposición As miradas de Isaac, que poderá visitarse desde hoxe, e ata o 4 de abril do vindeiro ano, na Cidade da Cultura, con motivo do centenario do seu nacemento, Feijóo resaltou que esta mostra, a primeira gran exposición que se fai desde o falecemendo de Díaz Pardo, trata de albergar todas as perspectivas dunha obra poliédrica que alcanza moitas miradas, pero un só compromiso ético e estético: Galicia.

Así mesmo, o responsable do Goberno galego recordou que Díaz Pardo foi tamén unha ponte entre a cultura galega de ambos lados do Atlántico, “dunha galeguidade fortemente enraizada, pero que non entende de fronteiras”.

“Comprendeu tamén que unha Galicia mellor tiña que construírse sobre os piares de novas institucións, como o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. E destacou tamén pola creación artística, non exenta de compromiso que podemos ver en obras desta exposición como Os afogados, que constitúe unha alegoría dos fusilados na Guerra Civil; ou O Discurso, unha clara referencia de defensa e alegato do sistema democrático”, engadiu.

Ao longo da visita, Feijóo recordou o esforzo, a través de Sargadelos e do Laboratorio de Formas, por recuperar elementos sobranceiros da nosa cultura e convertelos en obxectos do día a día que habitan en fogares de dentro e fóra de Galicia. “Estamos a falar dunha idea innovadora que achegou moitos dos nosos símbolos a calquera persoa, converténdoos dalgunha maneira en iconas pop”.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención agradecendo o traballo e compromiso de todas as persoas e institucións que achegaron as 265 pezas da mostra: desde a propia familia Díaz Arias de Castro, a colección de Abanca ou o Museo Carlos Maside, entre outras moitas, así como dos comisarios Xosé y Camilo Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo.

R., 2020-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES