//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Ponse de novo en marcha este outono o Bono Cultura, o programa de descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. A nova edición de Bono Cultura botará a andar este mesmo mes de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. A continuación, a partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas: Letras, Marica Campo; Artes Visuais, María Victoria Carballo-Calero; Artes Escénicas, Melania Cruz; Música, Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela; Audiovisual, Xosé Ramón Gayoso; Lingua, Manuel González; Patrimonio Cultural, Xacarandaina; Proxección Exterior, Programa ConCiencia.
A Biblioteca de Galicia inaugurou a exposición 'Ano Santo: o rexurdimento dun Camiño para todos e todas', que percorre a evolución do fenómeno xacobeo desde 1954 ata a actualidade. A través de máis de 45 pezas dos fondos custodiados no Gaiás, desde libros, folletos e periódicos ata calendarios e vídeos, a mostra bibliográfica permite ao visitante achegarse a un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia, desde a perspectiva da documentación impresa e visual.
O escritor e xornalista Alberto Ramos vén de alzarse coa XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega, pola obra 'Os Corpos de Romanov. Matthias Lentz'. Alberto Ramos exerceu na sección de Cultura do Xornal de Galicia e traballa como sinatura independente en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes, e ten publicado as novelas Dor Pantasma (Biblos, 2006), obra premiada co Biblos-Pazos de Galicia; Con acuse de recibo (Biblos, 2010), premio de novela por entregas de La Voz de Galicia; Todos os días (Sotelo Blanco, 2013), Premio Vicente Risco de creación Literarias; Máscaras Rotas para Sebastián Nell (Galaxia, 2014), Premio García Barros, e A simetría deas bestas (Urco. 2018).
Curtocircuíto inaugura este sábado en Santiago de Compostela a súa 19ª edición, cun programa que inclúe unha mostra das fitas restauradas de Eugenio Granell, unha escolma de realizadores galegos na sección Planeta GZ e un encontro virtual co cineasta Todd Solondz. Un dos pratos fortes desta 19ª edición será a sesión dedicada ás fitas do pintor surrealista Eugenio Granell. O Teatro Principal acollerá ás 19,00 h. deste domingo o pase das pezas rodadas polo pintor no seu exilio en Nova York. Entre estes pequenos filmes, atópanse títulos como Trompos, Middlebury, Película hecha en casa con pelota y muñeca e Casa.
A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación. Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991. A sesión inaugural celebrarase o martes 27 cunha dupla sesión.
Celebrouse na Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Varsovia o acto de inauguración do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) 'Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos'. O obxectivo deste congreso, que se levará a cabo do 21 ao 24 de setembro, é explorar como os traballos de investigación innovadores na área dos estudos galegos están a fomentar o diálogo entre disciplinas académicas e entre representantes da cultura. Para iso contará con distintas sesións de comunicacións, paneis temáticos, obradoiros, mesas redondas, entrevistas e sesións culturais.
O Centro Dramático Galego e Ainé Producións estrearán o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', espectáculo que abordará tanto a dimensión visible como a cara oculta do mundo do fútbol. O espectáculo mestura xornalismo, deporte e teatro nunha proposta escénica que xorde dun libro inédito de Nacho Carretero, dirixida por Tito Asorey, e que conta coa dramaturxia de José L. Prieto.
A Cidade da Cultura programa tres novos concertos do ciclo Matinais Musicais para este outono que achegan ao público as últimas creacións musicais de vangarda, o jazz e impulsan o diálogo entre Xapón e Galicia a través da música. Serán tres actuacións nas mañás dos domingos o 25 setembro, o 23 de outubro e o 27 de novembro e as entradas pódense adquirir xa a través de Ataquilla. As Matinais Musicais arrincan con Aruku Camiñar e a cantante Ryoko Aoki, figura internacional do teatro Noh, unha das manifestacións máis antigas do drama musical xaponés.
O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 21 coas intervencións de Tina Sainz, grande amiga da artista coa que compartiu proxectos escénicos, e José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada.
Foi presentada na Biblioteca pública municipal de Miño (A Coruña) a exposición 'Aquela nena de Sarria', na honra de Xela Arias, por térselle dedicado este ano o Día das Letras. No acto participaron o Alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; Pura Galán Voutureira, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; a pintora e ilustradora lucense Sabela Arias, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz.
O festival inclúe cinco concertos e a entrega do Premio Galimusic, o primeiro terá lugar o 22 de agosto no Consorcio Local Os Peares con Alejandro Gómez e Miguel Ángel Ortega Chavaldas, o segundo, o 27 de agosto no Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, denominado 'Nacionalismo: Folclore e Tradición', e o seguinte o 28 de agosto na Igrexa do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, co concerto A onde as negras ramas se estenden.
O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o martes a Melide cun concerto da Unión Musical Ponteledesma. A actuación será ás 12,30 horas na Praza do Cantón. Ese mesmo día chegará a Triacastela e a Cervo con concertos da Banda Filarmónica de Lugo e da Banda de Música O Landro de Viveiro, respectivamente.
O Salón Teatro acolle a partir de mañá os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) Serva me, servabo te (axúdame e axudareite, en latín) para a súa representación neste espazo do 9 ao 26 de setembro. A estrea está prevista para o 5 de setembro no marco do Festival de Teatro Galego (FETEGA) do Carballiño, onde será espectáculo inaugural.
O 20 de agosto, cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo, na Casa do Concello de Teo (A Coruña), no auditorio Constante Liste, ás 12:00 horas, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e a AC Xermolos, farán recoñecemento do VIII Caxado de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo. Este recoñecemento cada ano baséase precisamente na valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de AVELINO POUSA.
'Hai unha cita que di que a historia comeza onde acaba a memoria da última xeración viva, e Ian Gibson é aí onde traballa, nun lugar onde conflúen os mitos, as lendas, a memoria da xente que vai entrevistando, que son memorias mediatizadas polo seus recordos, son historias con minúscula, individuais e subxectivas, e Ian ten, ou autoimponse, a tarefa de convertelas en historias con maiúscula'.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a novena edición de Cultura no camiño, o programa da Xunta de Galicia que promove un amplo circuíto de espectáculos escénicos e musicais ata o mes de setembro e que este ano bate o seu récord de participación con 163 concellos adheridos, unha cifra que supón un incremento do 25% respecto ao ano pasado e de máis do dobre en relación á edición celebrada en 2019.
O Colectivo Egeria vén de desenvolver a exposición-homenaxe a Suso Fernández ou Suso do Bahía, Fillo Predilecto do Concello de Foz, onde tamén foi Cronista oficial e destacado activista cultural, social e informativo. Esta mostra foi presentada o pasado xoves no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz, nun acto no que particiaron o homenaxeado, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, ademais dun grupo de amigos e familiares de Suso Fernández.
A música lembrará e revivirá os poemas escritos en galego por Federico García Lorca cun concerto ao vivo que se celebrará o vindeiro mércores 21 de xullo, ás 20.30 horas, na solaina da Casa do Saber, ao pé da muralla romana de Lugo e a escasos metros da placa conmemorativa que lembra a presenza do autor granadino na cidade onde escribiu 'Madrigal á cidade de Santiago'.
Giambatista Piranesi é considerado un dos grandes artistas da historia na modalidade de gravado Augaforte. 'As súas obras pretendían cambiar a realidade e restaurar a grandeza pasada', así o explican dende a organización da mostra Piranesi-Vedute-vistas da Roma antiga-Cárceres que acolle a Sala de Exposicións do Colexio de Fonseca e que está impulsada dende a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital.