Notas de prensa

O Colectivo Egeria presenta a exposición 'Sempre en Foz, Suso Fernández'

O Colectivo Egeria vén de desenvolver a exposición-homenaxe a Suso Fernández ou Suso do Bahía, Fillo Predilecto do Concello de Foz, onde tamén foi Cronista oficial e destacado activista cultural, social e informativo. Esta mostra foi presentada o pasado xoves no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz, nun acto no que particiaron o homenaxeado, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, ademais dun grupo de amigos e familiares de Suso Fernández.

A exposición, que se complementa cun catálogo que recolle integramente os contidos da mostra, foi un encargo do Concello de Foz (Lugo), con motivo da despedida (por motivos de saúde) de Suso Fernández como Cronista oficial do Concello.

O concello focego quixo que fose especial esta despedida do Cronista -e toma de posesión do novo, o historiador Xoan Ramón Fernández Pacios-, poñendo de relevo os especiais servizos que Suso Fernández ten prestado ao seu concello durante máis de sesenta anos: foi o primeiro divulgador da historia e turismo de Foz, creador de Asociacións e entidades de interese público, promotor do asociacionismo comercial e industrial e das Feiras do Libro de Foz, e especial animador de iniciativas culturais e sociais.

Esta mostra, titulada “SEMPRE EN FOZ - SUSO FERNÁNDEZ”, realizada por Antonio Giz e Xulio Xiz, está composta por un panel de presentación, nove paneis integrados en tres prismas triangulares, un panel con palabras para Suso de persoeiros amigos, e seis mensaxes especiais correspondentes a outras tantas visións sobre este singular persoeiro focego, que compoñen un retrato literario e gráfico da vida do chamado SUSO DE FOZ.

Colectivo Egeria, 2021-07-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES