
Con esta creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a unidade de produción teatral da Xunta aposta por unha peza que sitúa o corpo como elemento central da escena para falar dos afectos e do colectivo, ademais de reivindicalo como materia que nos iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.
O espectáculo combina experiencia e xuventude tanto no seu equipo de interpretación coma no artístico. Así, conforman o elenco, no que destaca a elevada presenza de actrices e actores formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño.
Canto á parte artística, a recoñecida creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección. Pola súa banda, a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, así como a escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xabier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.
Funcións de xoves a domingo
O Salón Teatro acollerá funcións de Serva me, servabo te ata o 26 de setembro, de xoves a domingo. Haberá sesións ás 20,00 horas os xoves, venres e sábados, e ás 18,00 os domingos. As entradas poderán collerse no despacho de billetes dúas horas antes de cada representación. Como vén sendo habitual, tamén se poderán adquirir de xeito anticipado a través de ataquilla.com. O prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para diversos colectivos e os domingos, Día do espectador.
Serva me, servabo te é a última das tres producións postas en marcha neste ano polo Centro Dramático Galego. O pasado xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que está prevista unha xira a finais de ano. En abril facíao Terceiro acto, que despois de estar un mes en cartel volveu o pasado xullo ao Salón Teatro, ademais de representarse na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
De cara á nova temporada, a unidade de produción teatral da Xunta avanzou xa as que serán as novas producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.