
A exposición está integrada por un total de 44 obras, alén de diferentes libros expostos en cinco vitrinas.
Os seus gravados amosaron realidades inimaxinables e sen precedentes, sempre revelaban algo novidoso, pero conseguiu unha asombrosa variedade, unha gran precisión no debuxo e a vontade de ensinar aspectos descoñecidos ata ese momento, engaden dende o comisariado da mostra. A obra de Piranesi caracterízase por unha técnica baseada nunhas agudas capacidades de observación, con ousados contrastes de luz e escuridade, asombrosos ceos que dotaban os gravados de forte poder evocador e de fantasía poética que estimula a imaxinación dos espectadores, matizan.
No acto inaugural que se celebra este martes 13, a partir das 20.00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, toman parte o reitor Antonio López; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Manuel Ruíz Rivas, alcalde de Ribeira e presidente da FMAG; e Javier Expósito Paradela, vicepresidente da FMAG.
Nova mirada sobre Roma
Piranesi cambiou, para toda Europa, o xeito de percibir o mundo antigo e dotouno de carga emocional, condicionando, ata a actualidade, a forma de mirar a Roma antiga. Tiña, ademais, unha formación como arquitecto que dotaba de monumentalidade as vistas, ao que sumaba o coñecemento das referencias históricas. Gran parte da sensibilidade e da forma de concibir o pasado romano procede, no espectador moderno, da sensibilidade das Vedute do autor veneciano, pola súa especial combinación de espazo, contrastes de luz e fraxilidade atmosférica, apuntan dende a FMAG. Logra unha síntese entre a exactitude e a orixinalidade visionaria que dota de vida a Antigüidade, engaden.
Os seus Grotteschi son un exemplo de desenvolvemento creativo audaz, sen limitar o carácter ornamental das imaxes. Os Carceri, ademais, eríxense no paradigma da especulación arredor do máis recóndito da consciencia, pero sen esquecer a capacidade de variación creativa e monumental sobre os moitos tipos de escenografía académica. A serie destes Carceri componse dunha portada e quince pranchas, gravados en cobre no seu segundo estado, datado, aproximadamente, en 1761, e reproducidos en fotogravado en papel de fío da casa Guarro para a edición limitada de 75 exemplares realizada no ano 1993 por Edicións Delstres.
Esta exposición poderá visitarse do 14 de xullo ao 28 de agosto, en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.