Notas de prensa

O programa 'Cultura no camiño' bate o seu récord de participación con 163 concellos adheridos

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a novena edición de Cultura no camiño, o programa da Xunta de Galicia que promove un amplo circuíto de espectáculos escénicos e musicais ata o mes de setembro e que este ano bate o seu récord de participación con 163 concellos adheridos, unha cifra que supón un incremento do 25% respecto ao ano pasado e de máis do dobre en relación á edición celebrada en 2019.

O titular de Cultura do Goberno galego aproveitou a presentación para destacar a importante relación que existe entre o desenvolvemento do tecido cultural e as rutas de peregrinación que funcionan “como arterias capaces de aportar identidade e historia ao noso pobo”. “Todos os Camiños son unha combinación única de tradición e proliferación creativa que transportan aos peregrinos ata o corazón de Galicia ofrecendo unha oferta cultural e variada que contribúe a reforzar a propia experiencia do Camiño”, engadiu.

Neste senso, celebrou o gran interese que esperta o programa Cultura no camiño que este ano logra bater o seu récord de participación. “A cifra de concellos que van participar nesta iniciativa demostra a consolidación desta cita como unha proposta diversa e de calidade que xa está sinalada con tinta vermella no calendario de todas as compañías e concellos”, sinalou antes de lembrar que o compromiso non se abandonou “nin sequera o pasado ano, no peor da pandemia, cando fomos quen de garantir que o programa continuase”.

Para o seu desenvolvemento ao abeiro do Xacobeo 21-22, o Goberno galego acaba de adxudicar un millón de euros en subvencións ás entidades locais que se sumaron a esta iniciativa, dotación coa que se cofinancia a contratación dunhas 240 formacións artísticas galegas para a realización de máis de 650 actuacións de teatro, música, maxia, novo circo e danza ata finais do mes de setembro. Tal e como explicou o conselleiro de Cultura, trátase dun “escaparate privilexiado que este ano se presenta con máis variedade que nunca e que amosa o gran talento e calidade que atesouran os profesionais do noso tecido cultural”.

Patrocinio de Gadis

Na presentación, celebrada no Parque do Lago da Cidade da Cultura de Galicia, o conselleiro estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); a Maga Fani e o músico Xoán Curiel, en representación dos artistas participantes, e Antonio Cortés, director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, que un ano máis volve prestar o seu apoio como empresa patrocinadora deste circuíto de espectáculos.

A compañía de novo circo SU.MA foi a encargada de pechar o acto cun fragmento do seu espectáculo Ikigai, que foi seguido polos asistentes entre os que tamén se atopaban Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, así como representantes das compañías escénicas e grupos musicais que actuarán nesta programación.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia volven colaborar nesta iniciativa, que este ano se reforza co obxectivo de impulsar a dinamización cultural a través dunha oferta descentralizada de artes escénicas e de música, que está a supoñer ademais a contratación de máis 240 compañías profesionais galegas no marco do Plan de reactivación cultural posto en marcha pola Xunta.

Así mesmo, está previsto que a carteleira que se despregará ata o 30 de setembro supere as 650 actuacións. Dáse así continuidade ao impulso que Cultura no Camiño recibira xa o ano pasado, cando a posta en marcha da primeira xeira do plan autonómico de reactivación cultural permitiu incrementar en máis do triplo a súa dotación e −malia as restricións provocadas pola pandemia− levar a cabo 410 funcións escénicas e concertos en 133 concellos.
Desta volta, a programación desenvolverase en 43 concellos da provincia da Coruña, que acollerán máis de 180 actuacións, 40 da de Lugo con 172 funcións xa confirmadas, 45 da de Ourense con 176 e 35 na de Pontevedra con preto de 130.

Ata un 80% de subvención

Os concellos subvencionados reciben axuda da Xunta para financiar unha importante porcentaxe da contratación dos espectáculos, que se sitúa nun 80% no caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes e nun 60% para os de maior poboación. Ademais, en ambos os casos incrementáronse ata os 6000 euros as contías máximas da axuda.

Por xéneros artísticos, ademais do teatro cunha cifra superior ás 220 funcións, destaca a forte presenza da música con preto de 200 concertos, o novo circo con 130 citas e a maxia cun centenar de actuacións. De feito, entre os espectáculos con maior numero de contratacións por parte dos concellos de Cultura no Camiño atópanse a proposta circense de Darío Escudero e Pablo Rodríguez, os do Mago Brandán e o Mago Antón e os concertos de Odaiko.

Esta novena edición do circuíto arrancou o pasado día 15 coa actuación de Ghazafelhos na Guarda, que hoxe mesmo estará con A illa do tesouro en Trabada. Esta será unha das 58 citas previstas tan só entre hoxe e o domingo día 1 en 46 das localidades polas que Cultura no Camiño discorrera ata o 30 de setembro. A programación completa pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e Agadic.

Cultura no Camño, 2021-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (vivenda-santiago.jpg) O informe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cifra en 2.943 as vivendas de promoción pública en marcha diferentes fases de tramitación e execución na comunidade. Estas vivendas forman parte do traballo do Goberno galego para duplicar o parque público residencial, o que significa que neste momento a Xunta ten xa en marcha o 73 % dos novos fogares comprometidos para esta lexislatura. Cómpre recordar que en 2025 o Goberno galego triplicou o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial. O Informe reflicte así que neste momento, a Xunta de Galicia ten 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 M€, e un total estimado de 451 M€.
Foto de la tercera plana (alumnos-curso.jpg) A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada, tal e como informou Rueda, nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Logo da decisión do profesor de activar o Termómetro Acoso Escolar, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

Notas

Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema 'Conciencias creativas', as sete cidades serán escenarios de decenas de actividades para achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo.
Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia é o obxectivo de 'Fortalezas da Fronteira', un proxecto cultural no que participa a USC, e que pretende poñer en valor o rico patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño. O proxecto está actuando no xacemento de 'As Torres', no Concello de Tomiño, coa participación de arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que forman parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES