//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora). Están previstas un total de 94 funcións, en concreto nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, así como nos concellos de Outes, Teo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Mugardos, Boiro, Dodro, Paderne, Ribeira, Padrón e Zas na provincia da Coruña; Sanxenxo, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Pazos de Borbén e Lalín, na de Pontevedra, e Alfoz, Chantada e Mondoñedo, na de Lugo.
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. Baixo o lema 'Actuando nas marxes', a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo. Os espectáculos desenvolveranse na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e terraza do auditorio da Universidade, así como no Teatro Principal e no Salón Teatro. Os cursos USCénica comezarán o mesmo día 20, mentres que a primeira das actuacións, a cargo de Paraíso Teatro, desenvolverase na terraza do auditorio da Universidade, o martes 21. Baixo a dirección de Roberto Leal, a compañía interpretará 'Os diarios de Eva e Adán (boleros no paraíso)'.
Foi inaugurada no Gaiás, no Día Internacional dos Arquivos, a exposición 'Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida', unha das actividades principais coas que se celebra o centenario do nacemento dunha das poetas galegas máis destacadas do século XX. A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 17 de outubro, pretende difundir o legado deixado por Luz Pozo Garza, unha muller polifacética que foi a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel, membro da Real Academia Galega, promotora e directora de revistas literarias e profesora de Lingua e Literatura española no ensino secundario.
Baixo o título 'O museo como escenario', o CGAC acolle unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos que poderá visitarse ata o día 2 de outubro. Este proxecto busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente. O museo como escenario incide en como ao longo do século XX a performance entendida como actuación sen escenario ou outros fenómenos como a danza ou as artes visuais son capaces de transformar as salas dun museo.
Galicia sitúase como epicentro do Festival New European Bauhaus, un evento que se celebra en paralelo en varias cidades europeas, e que busca transformar a Unión Europea impulsando un estilo de vida integral e sostible, que sitúe ás persoas no centro e poña á súa disposición recursos multisectoriais (arquitectónicos, paisaxísticos, económicos, culturais, tecnolóxicos) para unha vida mellor, cos profesionais da saúde como prescriptores deste cambio. O Servizo Galego de Saúde, como socio oficial da New European Bauhaus, impulsa este evento na Cidade da Cultura de Galicia, na que se celebrou un forum, e que acollerá diferentes workshops sobre novas tendencias.
O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. Nesta nova xeira de charlas procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.) correse un maior risco de perda, como é o caso daqueles lugares que están a vivir un forte despoboamento ou a sufrir amplos procesos de transformación do territorio.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) afonda na memoria dos lugares e das súas formas de ocupación coa mostra Nalgures, da australiana Narelle Jubelin. Esta iniciativa procura un achegamento ao contexto galego, coa incorporación de fotografías da catalana Anna Turbau realizadas a finais dos anos 70 e que reflicten o territorio, a memoria e a identidade dunha Galicia en tránsito. A artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como as imaxes mencionadas ou pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas.
A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño o Serán03, no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional no maior evento organizado ao redor da pandeireta. Neste III Encontro Galego de Cultura Popular as pandeireteiras serán as grandes protagonistas de tres xornadas cun intenso programa de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, obradoiros e espectáculos para público familiar.
Un dos eixos centrais será a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida, coa que a Xunta arrancará a programación o vindeiro 9 de xuño e dará cumprimento ao desexo expreso da propia autora que, en maio de 2016 fixo unha doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca de Galicia e ao Arquivo de Galicia. A estes fondos sumaranse achegas de persoas próximas á autora, doutras bibliotecas e arquivos, e a documentación audiovisual sobre a súa figura. Está comisariada por Olivia Rodríguez e estruturada en 10 áreas temáticas a través das que se fai un percorrido pola súa vida, obra e contribución á cultura e pensamento. Poderá verse na Biblioteca de Galicia ata o 17 de outubro.
Reunido en Cambados o 22 de xuño, o xurado da XIXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución acordou por unanimidade premiar a tradución de Laureano Araujo da obra do escritor suízo Friedrich Glauser, "Schlumpf, Erwin: Homicidio".
O xurado, estivo integrado nesta edición por Olga López López (Xunta de Galicia), Gabriel Álvarez (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), Constantino Cordal Rodríguez (Fundación Plácido Castro) e Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), que actuou en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.
Un ano máis, e van 26, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense volve a levantar o pano. Do 1 ao 15 de xullo diferentes escenarios da cidade das Burgas acollerán 24 representacións de compañías de cinco países e de diferentes puntos da xeografía estatal. Con prudencia pero dando pasos cara a normalidade, a cita márcase como obxectivo comezar a devolver a maxia do teatro ao público.
Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, pero non faltarán voces nacionais procedentes de Zamora, Salamanca, Cataluña e, por suposto, Galicia. Algúns dos nomes que configuran o cartel deste ano son Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno ou José Luis Gutiérrez "Guti".
Con dirección e dramaturxia da propia AveLina Pérez, interpretación compartida xunto a Daniel Casquero, composición musical de Ramón Raíndo, iluminación a cargo de Pedro Fresneda e montaxe de vídeo de Jesús Andrés Tejada, a nova proposta preséntase como un encontro arredor da vulnerabilidade 'en contraste con todo iso que nos queren facer crer que é vivir', segundo expresa a súa autora.
Tras a cancelación das edicións de 2020 e 2021 o Concello de Ortigueira, organizador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, enorgullécese de anunciar unha edición única para 2022, cuxa programación comezará a ser revelada nos próximos meses. O Festival adoita ter unha duración de catro días, sendo así un dos festivais gratuítos máis longos de todo o mundo, pero para 2022 programáronse oito días de actividades e concertos para convertelo nunha edición inesquecible.
Este programa enmarcado dentro das celebracións do Xacobeo 21-22 leva a poesía e o cinema a cinco vilas galegas emblemáticas do Camiño Portugués: Iria Flavia, Redondela, Pontecesures, Cesantes e Tui. Deste xeito, a arte tamén percorrerá durante cinco etapas o Camiño de Santiago, achegando a súa maxia a habitantes e peregrinos para que coñezan a poetas galegas, así coma filmes nos que o Camiño é o protagonista.
Co gallo do 30 aniversario da inauguración da Fundación Pública Galega e baixo a coordinación de Yolanda Castaño, a institución de Iria Flavia organiza o ciclo 'Mazurca para dous poetas', inspirado na empatía que Camilo José Cela sempre demostrou polos autores mozos/as, e nos seus propios iniciáticos (e poéticos) pasos nas letras. A proposta seleccionou tres novas pero, á vez, sólidas voces da poesía galega e española e convidounas a que identificasen os seus auténticos referentes na poesía mundial contemporánea.
A exposición 'Dez anos en Daca' é o resultado da curiosidade de Santiago Fernández Mosquera por coñecer o país que acolle, dende hai dez anos, o proxecto da Cátedra Inditex de Lingua e cultura españolas na Universidade de Daca, da que é na actualidade director. As imaxes expostas no Claustro Alto de Fonseca non pretenden ser unha visión xeral de Bangladesh, senón unha mostra concreta das súas xentes, os estudantes da súa universidade, algúns oficios e paisaxes afastados da cidade e, en xeral, o ambiente dun lugar ateigado de vida.
O mes de xullo arrancará coa inauguración da 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), que encherá de teatro a vila ao longo de dez días. Entre o 1 e o 10 de xullo, Cangas será escenario de máis de 20 espectáculos co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar do mellor teatro cómico feito dentro e fóra de Galicia.
Tivo lugar en Sarria o acto de presentación do libro-catálogo da exposición Aquela nena de Sarria, homenaxe a Xela Arias -autora á que a Real Academia Galega lle dedicou este 17 de maio- incluída no proxecto homónimo que tamén contén o espazo web monográfico aquelanenadesarria.gal e que desenvolve desde marzo o Colectivo Egeria co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.