Notas de prensa

'Mazurca para 2 poetas': Voces novas na Fundación Pública Camilo José Cela

Co gallo do 30 aniversario da inauguración da Fundación Pública Galega e baixo a coordinación de Yolanda Castaño, a institución de Iria Flavia organiza o ciclo 'Mazurca para dous poetas', inspirado na empatía que Camilo José Cela sempre demostrou polos autores mozos/as, e nos seus propios iniciáticos (e poéticos) pasos nas letras. A proposta seleccionou tres novas pero, á vez, sólidas voces da poesía galega e española e convidounas a que identificasen os seus auténticos referentes na poesía mundial contemporánea.

Ao longo de tres venres de xuño, propiciaremos emocionantes ocasións nas que eses nomes consagrados dialoguen e reciten a carón dos primeiros. E, co mesmo espírito mozo, pequenos concertos de música electrónica galega levarán á terraza da Fundación unha fin de festa para gozar.

As sesións poderanse aproveitar para comezar cunha visita ao Museo Camilo José Cela a partir das 18:30h. Nun esquema que se repetirá para cada data, as actividades continuarán coa conversa entre as parellas de poetas ás 19:30h, seguidas do seu recital poético ás 20:30h. Tras unha pequena pausa, os pequenos concertos poñerán o ramo ao aire libre (se a meteoroloxía o permite) dende as 21:20h ata arredor das 22h. Seguindo un protocolo anti-covid, é precisa inscrición previa no enderezo electrónico [email protected].

Deste xeito, o programa dará comezo este venres 4 de xuño convidando ao noiés nacido en Mazaricos Ismael Ramos (1994) a que intercambie poemas e ideas sobre a poesía coa que probablemente sexa a súa máis admirada poeta contemporánea: a británica Alice Oswald. O que foi Premio Javier Morote ao mellor libro publicado por un autor/a novo/a en 2019 en España e acaba de editar o poemario Lixeiro, compartirá recital e conversa cunha das voces máis consagradas da poesía europea: gañadora dos premios Forward, T. S. Eliot en dúas ocasións, Ted Hughes, Hawthornden, Warwick, o Premio Costa de Poesía, o Griffin e o Premio Cholmondeley á súa traxectoria, ademais de ser a primeira muller que –dende o século XVII– acada o prestixioso posto de Profesora de Poesía da Universidade de Oxford, sucedendo no cargo a nomes como W. H. Auden, Robert Graves ou Seamus Heaney.

Quen poña a clausura musical a esta velada será a francesa residente no rural ourensán Camille Hèdouin co seu imparable proxecto MounQup. A artista de orixes franco-italianas e costa-marfileñas Premio Narf e Martín Códax á mellor artista electrónica do ano mestura atmosferas sonoras de loops e samplers influídos por ritmos africanos ou pola experimentación industrial nórdica. Á espera da súa terceira entrega, os dous aclamados discos cos que conta levárona a máis de 80 concertos en coñecidos festivais galegos e estatais ademais de Alemaña, Portugal, Eslovaquia, Suecia e Francia.

O seguinte venres –día 11 de xuño– os convidados serán a Premio Nacional de Poesía Nova Alba Cid (Ourense, 1989) e un dos poetas máis prolíficos da contemporaneidade, o cubano residente nos Estados Unidos José Kozer (1940). Laura Lamontagne & PicoAmperio poñerán entón o mini-concerto de peche.

Para rematar a xeira, contarase o venres 25 de xuño con dous poetas españois en castelán, a Premio Nacional de Poesía Nova Berta García Faet (Valencia, 1988) e unha das voces máis influentes da súa xeración poética en España: o granadino Juan Andrés García Román (1979). Para a clausura musical do ciclo, a banda carballesa Chicharrón levará as cancións do seu último disco a un enfoque moi especial grazas á colaboración do acordeón de Rosalía Fernández Rial.

Enriquecedores plans de lecer e cultura, de arte, de formación literaria e de deleite ao aire libre para celebrar, neste mes de xuño, os 30 anos da Fundación Pública Galega Camilo José Cela.

Fundación Pública Camilo José Cela, 2021-06-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES