Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves 3 de abril a cerimonia de entrega dos XXIX Premios María Casares de Teatro, que congregará no Teatro Rosalía Castro unha ampla representación do sector escénico galego. Con dirección e dramaturxia de Fernando Dacosta, a compañía Sarabela Teatro será a encargada de conducir a gala desta 29ª edición, que tomará como referencia o concepto clásico das compañías ambulantes reflectido no cartel deste ano para poñer o foco nos diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. O elenco estará integrado por Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.
A programación presentada hoxe comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Massó, en Bueu; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei. O programa expositivo vai acompañado dun amplo plan de actividades xa consolidado en cada un dos centros museísticos, exercendo tamén así como importantes puntos de dinamización cunha coidada oferta de lecer cultural.
Foi presentada hoxe no Parlamento Europeo a mostra 'José Rodríguez. O matemático do Bermés', un novo fito na divulgación do legado deste científico galego, cunha fonda pegada a nivel internacional, coincidindo co bicentenario do seu pasamento. Trátase da última parada dunha mostra que comezou en Santiago de Compostela e continuou en Lalín e Madrid. Agora culmina no corazón da Europa, o que dá mostra da relevancia que o Matemático Rodríguez tivo e ten como figura universal da ciencia. A mostra, que contribuirá a divulgar a Matemático Rodríguez entre os representantes da política comunitaria e os visitantes do Parlamento, expón as súas contribucións á ciencia e reivindica o seu papel como unha das mentes máis brillantes de finais do século XVIII e principios do XIX.
A gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024 celebrarase o vindeiro 23 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. A celebración na cidade departamental segue a senda iniciada en 2019, cando os Premios da Cultura Galega se organizaron por vez primeira fóra da capital de Galicia, escollendo como acto para a cerimonia o mosteiro ourensán de Montederramo. Seguiulle nesta estratexia o Teatro Afundación, en Vigo, en 2020. Tras dous anos que se viron afectados pola pandemia, retomouse a súa descentralización coa celebración no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, no ano 2023. O ano pasado escolleuse para este acto o convento de Santa Clara, en Pontevedra.
A sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 28 e 29 de marzo a estrea de Cicatriz, espectáculo de danza contemporánea coproducido por Artestudio e o Centro Coreográfico Galego, que aborda por primeira vez a inclusión nesta disciplina. A peza, con dirección e coreografía da bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta, pon en escena o poema homónimo do artista galego Antón Reixa nunha proposta interpretada a dúo por ambos os dous. Cicatriz é unha obra de trescentos versos que comezan coa palabra 'quero'.
O Centro Dramático Galego coproduce coa creadora Cris Balboa e o Centro Dramático Nacional o espectáculo Roland mon amour, que se estrea mañá no Teatro María Guerrero de Madrid, onde permanecerá en cartel ata o 20 de abril. Desde a sede da compañía pública estatal porá rumbo cara á da unidade teatral da Xunta de Galicia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ofrecer unha función o 10 de maio como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como “monodrama de desexo e música” e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.
O DOG publica a declaración do Entroido galego como BIC, feito co que conclúe o proceso deste recoñecemento co que se acredita o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, e que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural. O decreto salienta a multitude de funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre o Entroido. Neste senso, pon en valor o seu papel para 'reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro' e, desta forma, favorecer nunha comunidade 'a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional'.
Foi presentada a oitava edición do festival Alguén que respira!, unha cita organizada para poñer en valor o talento dos creadores galegos e a calidade das letras galegas a través da poesía. O festival Alguén que respira! celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela do 20 ao 22 de marzo. Durante esas tres xornadas haberá recitais, concertos e faladoiros onde participarán máis de 40 poetas, músicos ou performers como a autora galega Miriam Reyes; a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuigh; os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari, e o crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, que será o responsable da lectura do manifesto da cita.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo a estrea do espectáculo Fábrica de fume, unha proposta de teatro comunitario que afonda no concepto de arte e industria a través da historia de Sargadelos. Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla asinan a dramaturxia e a dirección de escena deste traballo que tivo a súa orixe no proxecto internacional de teatro en linguas minoritarias Phōnē e que coproduce agora o Centro Dramático galego. A montaxe conta coa interpretación dun elenco de 18 actores e actrices pertencentes a Fegatea: Nieves Pérez, Juanín Ares, Chus Devesa, Antonio V. Turnes, Pablo Fernández, Lola Roel, Valentín Entrialgo, Edita Álvarez, Guadalupe López, Carmen Lois, Sara Nieto, María José Lagoa, Quico Ramilo, Manuel Llilla, Lucía González, María José González, Reyes López e Ana Rosa Pavón.
O CDG retoma as representacións do seu último espectáculo de produción propia: A burra, a mesa e o pau, do que ofrecerá ata o 20 de abril cinco funcións semanais no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, conta cun elenco de 15 actores e actrices que integran Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar para dar vida a unha proposta escénica ideada como unha fábula arredor dunha familia obreira galega desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade.
« Anterior | 6  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

'O tempo na Compostela medieval é individual, elástico, a sensación que ten o individuo do tempo vai cambiando conforme cambia o contorno, a sociedade, as actividades que desenvolve', explica o profesor de Historia Xosé Manoel Sánchez, autor do libro 'Tiempo y viaje en la Compostela medieval', que acaban de publicar Edicións USC e o Consorcio de Santiago.
Tivo lugar na Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo a inauguración da exposición das obras presentadas á XXXV edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, convocada polo Centro do mesmo nome, impulsor do Belén de Begonte, dentro da campaña ‘O Nadal en Begonte’. A mostra poderase visitar ata o vindeiro 13 de xaneiro.
O festival 17º Ribeira Sacra xa ten datas para a que será a súa novena edición. Os días 18, 19 e 20 de xullo a Ribeira Sacra albergará este evento no que música, gastronomía, viño, arte e patrimonio danse da man ofrecendo unha experiencia completa para o público. Unha programación de tres días na que non faltarán concertos de artistas nacionais e internacionais.
A Facultade de Formación de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela acaba de inaugurar a Sala 'Araceli Herrero', na antiga sala de investigación do centro, que agora rememorará a quen fora docente desta Facultade vinculada ao Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura e que faleceu en xuño de 2020. Na sesión inaugural deste espazo déronse cita unha nutrida representación de docentes, tanto en activo como persoal xa xubilado.
O proxecto Cantigas de Romaría, presentado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, combina o estudo das cantigas de amigo, o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea, coa xeolocalización dixital, ofrecendo unha nova perspectiva sobre as setenta e nove composicións coñecidas como cantigas de romaría ou de santuario. As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa.
Aínda que o fai, recoñece, sen 'ningunha vontade de historiador', o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego percorre a historia da pintura no seu novo libro El espacio salvado. Álbum de imágenes. Non en van, o volume reúne máis dun centenar de imaxes de obras pictóricas de diferentes épocas, desde pinturas etruscas ata obras do século XX, acompañadas de textos que non buscan describir ou contextualizar as imaxes, senón que reflicten o que estas lle evocan ou as reflexións que xorden da súa contemplación.
Da memoria familiar e as lembranzas do fogar á vida nunha residencia estudantil, pasando por un retrato visual do barrio vigués de Coia. A contorna natural, persoal e sentimental de nove estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes constituíu a fonte de inspiración das curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas.
A formación e o cinema emerxente serán os “dous piares fundamentais”, como sinalan os seus responsables, da novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que se desenvolverá entre o 10 e o 15 de decembro, co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales.
O Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, que este ano chega a súa décima edición, vense celebrando na vila ribadense coa participación dos mellores músicos galegos, nacionais e internacionais da música negra en xeral, tanto de jazz como de blues, soul, funky ou góspel. Polo seu escenario desfilaron figuras da talla de Hiromi, Nicholas Payton, Ray Gelato, Eric Sardinas, Andrea Motis, Marlango, Jorge Pardo, Zenet, Sumrrá, Abe Rábade, etc.
Cada día ao amencer, millóns de mulleres e nenas de todas as condicións sociais do sur da India adornan os limiares das súas casas con deseños xeométricos realizados con fariña de arroz -chamados kolams-, que en ocasións están inspirados na natureza. No transcurso do día, os kolams esvaecen pola choiva, pisados polos viandantes ou simplemente difuminados polo vento, convertendo estas preciosas creacións nunha arte perecedoira.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES