Notas de prensa

Ruiz de Samaniego conecta palabras e imaxes nun percorrido persoal pola historia da pintura

Aínda que o fai, recoñece, sen 'ningunha vontade de historiador', o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego percorre a historia da pintura no seu novo libro El espacio salvado. Ãlbum de imágenes. Non en van, o volume reúne máis dun centenar de imaxes de obras pictóricas de diferentes épocas, desde pinturas etruscas ata obras do século XX, acompañadas de textos que non buscan describir ou contextualizar as imaxes, senón que reflicten o que estas lle evocan ou as reflexións que xorden da súa contemplación.

“Este libro só responde ao pracer de converter en palabra a pintura”, recoñece no prólogo este profesor de Estética, que na tarde deste luns presenta esta publicación na libraría Metáfora, acompañado polo artista e profesor da facultade Jorge Varela e polo artista e arquitecto Diego Germade.

“É un libro que en certa maneira responde ao pracer das incidencias e das digresións”, sinala Ruiz de Samaniego do volume editado por Shangrila, que ten como punto de partida os comentarios de pinturas que foi reunindo ao longo dos últimos dez anos. De feito, no libro non só conflúen os cadros de Giotto, Caravaggio ou Michelangelo con frescos do Románico ou obras de Duchamp, Klee, Constable ou Malevich, senón que o autor buscou tamén que, nos comentarios, fose un volume “moi variado desde o punto vista estilístico”. Deste xeito, o libro reúne desde textos que “achéganse máis a un ton poético a outros con unha vontade máis académica”, pasando por outros cun “corte máis narrativo” ou mesmo algúns “que se desenvolven a modo de diálogo”. Do mesmo xeito, ademais desta variedade estilística, este volume, “produto das circunstancias, de encontros felices coas imaxes”, tamén reúne olladas diversas ás obras, que van do que a pintura evoca ao escritor, a “digresións a partir das imaxes, ideas que atopo nas pinturas, pensamentos aos que me pode levar un cadro...”, sinala. Ideas que levan á súa vez a Ruiz de Samaniego a conectar un conxunto de pinturas que abranguen un período temporal de case dous mil anos, coa literatura, a música ou a filosofía. Neste senso, no libro poden atoparse referencias a escritores como Pessoa, Borges, Proust ou Baudelaire, a cineastas como Hitchcock ou a filósofos como Barthes.

“Cada obra abre unha interpretación, un camiño”, salienta este docente, crítico e comisario de exposicións, respecto do que recoñece como o seu “libro menos académico”. De feito, máis aló “de que a propia escritura está chea de imaxes poéticas”, El espacio salvado pode verse tamén como unha sorte de “diario oblicuo”, que conecta e establece relacións entre un conxunto de ideas xurdidas da contemplación dun cadro, pero que tamén reflicte os “gustos e lecturas” do propio autor. Non en van, o seu punto de partida son unha serie de comentarios de obras que foi realizando ao longo dos anos e “que nalgúns casos amplíanse e outras veces quedan simplemente como unha especie de apunte ou de texto máis impresionista”.

Unha obra fragmentaria

Co título de Ãlbum de imágenes, Ruiz de Samaniego buscou tamén facer patente o carácter “fragmentario” dun volume, “formado un pouco como na infancia se facían os álbums, nos que ías xuntando segundo o azar as imaxes coas que ías atopándote”. Isto motiva á súa vez que o volume non teña “unha forma de lectura fixa”, xa que pode lerse tanto dun xeito secuencial, “e con iso tes en certa forma un pequeno museo ou unha historia da pintura en primeira persoa”, mais tamén permite ao lector deterse naquelas obras ou comentarios que esperten o seu interese, dado o carácter independente dos seus textos. “Creo que é moito máis recomendable ilo ollando seguindo o propio azar, por onde as propias incidencias vaian levando o lector”, sinala o autor. Con esa idea, Ruiz de Samaniego buscou que fosen as obras as que chamasen a atención en primeiro termo e que “sexan as imaxes as que guíen o curso da palabra”.

Seguindo tamén esa idea de álbum, trátase dun libro “cunha estrutura mínima”, que non busca afondar en períodos artísticos determinados, senón que presenta este centenar de imaxes e comentarios en cinco grandes bloques; paisaxes, camiños, estancias, obxectos, corpos e rostros, nos que as obras seleccionadas amósanse en orde cronolóxica. Coa excepción dun texto dedicado aos gravados do xaponés Hokusai, trátase dun libro centrado fundamentalmente na pintura occidental, que abrangue “desde pinturas etruscas ou esculturas da antigüidade grega,ata pintura medieval, renacentista ou do século XVIII”, pasando polo Romanticismo ou, “en menor medida”, por artistas do século XX.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-12-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES