
Trátase dos resultados finais do obradoiro Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, que tivo como docente ao cineasta e egresado da UVigo Álvaro Gago.
Promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Novos Cinemas e aberto á participación tanto de estudantes como de tituladas e titulados o pasado curso, o taller impartido por Gago, que en que en 2018 acadaba coa curtametraxe Matria o premio do xurado do Festival de Sundance, buscaba guiar o alumnado na busca dunha ollada propia como cineastas. Para isto, o director convidounos a buscar na súa propia contorna o material co que comezar a traballar nas curtametraxes que este martes presentaban na proxección previa á sesión inaugural de Novos Cinemas, dedicada ao filme La Parra, dirixido polo tamén egresado da UVigo Alberto Gracia.
Unha proposta que levou a un cambio de enfoque
Tras unha primeira sesión na que Gago presentou ao alumnado unha serie de referentes, o obradoiro combinou o traballo individual con sesións nas que as e os participantes abordaban conxuntamente o desenvolvemento das súas pezas. A participación neste taller permitiume experimentar un desenvolvemento distinto aos dos meus anteriores proxectos, recoñece o estudante de Comunicación Audiovisual Nel González, quen presenta en Desconexión unha reflexión sobre o contraste entre min mesmo e o espazo que me rodea, unha residencia de estudantes. Nesa mesma liña, o egresado da Facultade de Comunicación Pablo Martínez destaca o cambio de enfoque nos procesos creativos que supuxo o obradoiro no que desenvolveu A prisión dixital, un diálogo entre dous tipos de paisaxe, a natural e a simulada, que contrapón imaxes bucólicas e contemplativas a situacións alienantes que serven ao protagonista como substituto do lugar no que non pode estar. A proposta de Gago levou ao alumnado a unha relectura e cuestionamento das súas contornas, engade o estudante de Belas Artes Héctor Pousa, que propón un percorrido pola miña paisaxe tanto sentimental como cotiá en A cabra tira ao monte. Con ese mesmo punto de partida, a egresada Gala Rodríguez presenta en C.O.I.A. un retrato sonoro e visual do barrio vigués de Coia, mentres Fabiola Quintela fala da memoria familiar e das diferentes formas de despedirse daquilo que amamos, como sería neste caso a casa dos seus bisavós, en Decir adiós.
A contorna persoal máis próxima faise tamén patente en Una estrella se estrelló, na que a titulada en Belas Artes Rocío Campoy pon en valor o cariño e dos coidados de cara a manter a estabilidade e o benestar emocional, tomando como punto de partida a idea de aproximarse á expresión artística desde a tenrura proposta por Gago. Xunto a estas pezas, no festival estréanse 23:51, unha aproximación cinematográfica bastante formal que busca transmitir mediante sensacións un concepto sinxelo, do estudante de Belas Artes Lois Novas; Somnus, de Antón Rodríguez, e Non é un corto. É unha carta, de Tristán Rodríguez.
Nova sección dedicada a centros formativos
Os proxectos audiovisuais nacidos nun contexto académico centran ademais a nova sección competitiva de Novos Cinemas, Ceres, para a que foron seleccionadas catro curtas creadas en centros formativos de España e Portugal. Entre elas, Gralla, realizada polos graduados en Comunicación Audiovisual Rebeca Tella e Daniel Filloy. Ademais, tres estudantes desta titulación, Eva Lago, Noa Pichel e Zaira Pérez integran nesta edición o Xurado Novo do festival.
Ademais das proxeccións, no programa do festival figuran tamén unha serie de encontros con profesionais do sector audiovisual, como os que os directores Adrián Canoura e Ángel Santos protagonizan este xoves na sede da Vicerreitoría. Tamén na Casa das Campás, este venres 13 terá lugar unha mesa de debate sobre o labor de empresas de distribución de cinema independente e emerxente e o domingo 15 un encontro co profesor da Escola de Artes da Universidade Católica Portuguesa Pedro Alves.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.