Notas de prensa

O proxecto 'Cantigas de Romaría' revisa as composicións medievais e xeolocaliza os lugares que mencionan

O proxecto Cantigas de Romaría, presentado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, combina o estudo das cantigas de amigo, o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea, coa xeolocalización dixital, ofrecendo unha nova perspectiva sobre as setenta e nove composicións coñecidas como cantigas de romaría ou de santuario. As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa.

As localizacións referidas nas cantigas de romaría, conservadas principalmente no Pergamiño Vindel e nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Portugal e da Biblioteca Vaticana, levan décadas sendo obxecto de debate.

Referencia

A nova plataforma dixital, froito dunha colaboración de Humanidades Dixitais entre a Universidade de Santiago de Compostela e a East Carolina University, pretende servir de referencia no campo de estudos deste corpus; ademais, permitirá explorar mapas interactivos, textos orixinais, datos históricos e fotografías actuais dos lugares mencionados nestes poemas, ampliando a comprensión do patrimonio cultural ibérico.

Dirixido a estudantes, docentes e persoas investigadoras e interesadas no patrimonio cultural ibérico, o novo recurso electrónico busca ampliar o acceso a este legado, situando a lírica medieval nun contexto global grazas a un recurso multilingüe, en galego, castelán e inglés. A localización dos lugares sagrados mencionados nos textos e as fotografías dos mesmos pretenden achegar os espazos reais daquela ‘poesía de santuario’, coa intención de que se poidan visitar, e observar a transcendencia de sitios que gozaron dun recoñecemento colectivo. Co paso do tempo, nalgúns casos conservárono a través dos séculos e noutros perdérono, para ser só identificados a nivel local e para caer, en ocasións, no esquecemento e no abandono.

Lírica Galego-Portuguesa

A plataforma dixital foi creada no marco do proxecto Lírica Galego-Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para ser unha ferramenta que promova a aprendizaxe da lírica trobadoresca desde perspectivas de estudo complementarias, unha referencia no campo de estudos da poesía de romaría e unha entrada ó coñecemento do patrimonio galego para novas audiencias. Ademais, aspira tamén a preservar e difundir o patrimonio cultural (material e inmaterial) de Galicia, ao permitir que tanto especialistas como público en xeral participen do coñecemento das cantigas seleccionadas dunha maneira que sería difícil acadar mediante medios tradicionais.

Na plataforma atópanse os textos e autores das cantigas de romaría; táboas cos íncipits dos poemas e as súas localizacións nos manuscritos, vinculados á Base de Datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa MedDB; mapas interactivos e fotografías orixinais dos lugares mencionados nas composicións; e unha bibliografía de referencia para quen desexe afondar no coñecemento das cantigas de romaría.

A colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a East Carolina University reforza a relevancia internacional do proxecto e subliña o seu potencial para conectar audiencias de diferentes países co patrimonio galego.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-12-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES