//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Casa do Concello de Lourenzá acolleu este sábado o acto inaugural das celebracións do Día das Letras Galegas 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O evento contou coa presenza do conselleiro de Cultura, dos presidentes da Deputación do Luqo, da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, de alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros, así como de representantes de diferentes asociacións, da Fundación Penzol, da Editorial Galaxia, do CEIP Juan Rey, de Lourenzá, e do IES San Rosendo, de Mondoñedo, entre outros asistentes.
A Xunta de Galicia conmemora o vindeiro mércores 11 o Día do Usuario das Bibliotecas cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos durante o ano pasado. A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés programa un obradoiro de 10,00 a 11,00 horas coordinado por Lía Santiso dirixido a público adulto para reflexionar sobre distintas obras literarias e tamén para que os usuarios podan compartir as súas experiencias.
A Cidade da Cultura despide 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.
A obra 'A mística da feminidade en Mad Men', de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, que organizan o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a Editorial Galaxia. O xurado valorou a súa aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema. Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, achega unha proposta que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
As adaptacións dramáticas dos últimos dous espectáculos do Centro Dramático Galego, Ás oito da tarde, cando morren as nais e de Recortes, caneos e outras formas de driblar,incorpóranse á colección editorial O papel do teatro, que chega así aos once libros publicados en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas. Os novos títulos seguen o formato de peto dos números anteriores, con fotografías a cor das postas en escena, artigos de presentación, fichas artísticas e os textos finais sobre os que se construíron as montaxes.
A mediados do século XIX e durante o primeiro terzo do XX, os pais do Rexurdimento, os integrantes das Irmandades da Fala, os intelectuais da Xeración Nós e os exiliados republicanos galegos en América comezaron a construír e imaxinar un novo concepto de Galicia. Neste contexto, as Irmandades estableceron en 1919 que o Día de Galicia se celebraría, a partir do ano seguinte, cada 25 de xullo. A efeméride adquiriu oficialidade coa publicación do Decreto do 1 de xaneiro de 1979 da Xunta de Galicia polo que se declara Día Nacional de Galicia o día 25 de xullo de cada ano.
Tivo lugar a entrega do VIII Premio Literario Nortear para mozos da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal a Marta Pais de Oliveira. O certame, apoiado pola Xunta de Galicia e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, ten como obxectivo incentivar a produción literaria entre os novos escritores que viven na zona transfronteiriza. O galardón ten unha dotación de 3.000 e contempla a publicación da obra vencedora en galego e portugués, nesta edición cunha portada obra do ilustrador coruñés David Pintor. Nas anteriores edicións acadaron o premio Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar.
Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro. Este volume colectivo, coordinado por Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés. Os ensaios tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa RAG ou coa lírica de Cabanillas. Analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades.
'Inventio' é unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixo vertebrador da identidade cultural galega. A proposta consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. Brindará tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o 3 e o 4 de xaneiro.
Na cerimonia, que chega á súa sétima edición, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus galardóns por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe. O proxecto cultural Ponte... nas ondas! recibirá, pola súa banda, o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona polo seu quefacer a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.
O pasado mes de outubro, a sala de exposicións do campus de Pontevedra iniciaba unha nova etapa baixo o nome de Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que se inauguraba cunha exposición dedicada a este pintor e docente falecido en 2017. Baixo o título de 'Manuel Moldes. Vieiros na memoria', este proxecto expositivo complétase coa publicación dun catálogo que afonda na obra e na vida do artista.
Das consecuencias dos vertidos tóxicos, á presión social ligada aos canons estéticos, pasando polo que implica un proceso de transición de xénero. Estas son algunhas das temáticas que centran as proxeccións incluídas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 de cidades de toda España e que a UVigo impulsa en Pontevedra.
'Los frágiles secretos de su mente' é o título, o motivo e O fío condutor da exposición que a alumna da UVigo Pilar Casas promoveu na Fundación RAC como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano Xosé Manuel Buxán. As obras dos estudantes Ruth Vidal, Sergio Vidal, Mateo Barcia e Pepe Eiras e das egresadas Lara e Noa Castro reúnense nesta exposición efémera.
Este curso académico a Sala Alterarte arrancou unha nova etapa na que Xosé Manuel Buxán deu paso na súa coordinación á comisaria Sara Donoso. Ela é a encargada neste 2021/2022 de guiar a súa programación e desenvolver un proxecto expositivo propio que arrancou coa mostra 'Formas e tránsitos', da artista Isabel Flores, e que continuará con propostas creativas de Basilisa Fiestras, Mónica Mura e Mar Ramón Soriano.
Ata o vindeiro 22 de xaneiro, poderá visitarse a mostra A Minerva Compostelá. As súas glorias que recolle parte da historia da USC recreando espazos do pasado. En concreto, pode accederse á exposición situada no Colexio de Fonseca, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, de luns a sábado. Así, a antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882.
Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.
'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas.
'Copérnico é un dos autores que máis influíu no devir da ciencia e resultaba abondo sorprendente non dispoñer dunha versión en galego da súa obra'. A esta situación foi a que lle puxeron solución os profesores da UVigo Nicanor Alonso e Miguel Mirás e o poeta e profesor de educación secundaria Raúl Gómez Pato, autores de 'O libro que ninguén puido ler', primeira tradución ao galego da obra de Nicolás Copérnico 'Sobre a revolución dos orbes celestes', publicado en latín no 1543.
Unha reflexión sobre os principais elementos definitorios da modernidade e a súa estética, que afonda nas obras e traxectorias dalgunhas das súas figuras de referencia, pero que o fai desde percorridos alternativos. Isto é o que Alberto Ruiz de Samaniego propón no seu libro 'Pintores de la vida moderna', que compila 21 ensaios centrados en autores como Edgar Allan Poe ou Marcel Proust.
Comeza cedo no ano a programación poética do Concello da Coruña. Este luns 3 de xaneiro ten lugar o primeiro recital de 2022, dentro da 13ª edición anual de POETAS DI(N)VERSOS. O ciclo de recitais poéticos, fundado e dirixido por Yolanda Castaño, ten lugar en día luns, unha vez ao mes no Centro Ágora da Coruña, e reúne un/ha poeta en galego xunta outro/a do resto do mundo.