
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na entrega do XI Premio de Poesía Xosé M. López Ardeiro que recaeu en Caderno de camiño, obra do xornalista, escritor e profesor Xosé A. Neira Cruz e que vén de ser publicada co apoio da Xunta. O representante da Consellería de Cultura referiuse á importancia deste recoñecemento que leva máis dunha década premiando a abundante e de gran calidade creación poética feita en Galicia.
Tamén felicitou ao gañador, Xosé A. Neira Cruz, polo seu excelente traballo e a súa ampla bagaxe literaria. Autor de máis de 30 obras de creación, recibiu, entre outros, os premios Barriga Verde e Manuel María de Teatro, o Premio Repsol de Narrativa en 2017, o Premio Ánxel Fole de Narrativa do Concello de Lugo en 2019 e o Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil do Concello da Pobra do Caramiñal, en 2019 e 2021.
A obra gañadora recolle 51 poemas distribuídos en seis capítulos: Subida polos anos, Un pestanexo do inverno, Parada no medio do trebón, Aprender a ulir a chuvia, Polo arame dun raio de sol e Arrastrando séculos sumados. O Goberno autonómico colabora na súa publicación e coa entrega dun lote de 300 exemplares.
No transcurso do acto informouse, ademais, da convocatoria da XII edición do Premio de Poesía Xosé M. López Ardeiro, cuxo prazo de presentación de propostas estará aberto desde xullo ao decembro de 2023. Poderán participar obras poéticas escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, cunha extensión de entre 350 e 700 versos como máximo.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.