Noticias

O Festival de Cans presenta a súa vixésima edición

Serán máis dun centenar os cineastas que se darán cita nesta aldea do Porriño para participar nas diferentes seccións do programa, como Jaione Camborda, Sonia Méndez, Alfonso Zarauza, Pela del Álamo, Olga Osorio ou a franco-armenia Valérie Massadian, quen protagonizará o Foco Internacional con varias das súas pezas inéditas en España. Haberá tamén coloquios con actores e actrices como Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, María Vázquez, Antonio Durán Morris, Nerea Barros, Tamar Novas ou Diego Anido, ademais de Luis Zahera, a quen se lle fará entrega do Premio Pedigree de Honor.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, interveu esta mañá na presentación dunha nova edición do Festival de Cans, que celebrará o seu 20º aniversario do 16 ao 20 de maio na aldea do Porriño da que toma o seu nome. O representante da Xunta de Galicia felicitou a organización polas dúas décadas de traxectoria dun certame que, nas súas palabras, se ten convertido xa nunha “experiencia total” como altofalante da creación audiovisual galega e que é, por dereito propio, “unha marca de valor identitario e diferencial” dentro do sector.

O conselleiro definiu o festival como un dos eventos culturais e lúdicos máis singulares de Galicia, do que subliñou ademais “o interese e a complicidade” que recibe cada ano por parte dos profesionais do audiovisual, do público, dos medios de comunicación e, especialmente, dos veciños de Cans que contribúen directamente á súa realización.
Máxima puntuación

Para Román Rodríguez, unha das claves deste éxito é a mestura de talento e desenfado para asentar unha atractiva programación na que teñen cabida tanto figuras consolidadas como valores emerxentes do noso audiovisual, ademais dunha ampla oferta musical. Neste sentido, explicou que o de Cans repite en 2023 como un dos 11 certames apoiados pola Xunta por medio da convocatoria de subvencións para festivais do sector, dentro da que acadou, por terceiro ano consecutivo, a máxima puntuación outorgada pola comisión independente que avalía os proxectos.

Estas axudas, dotadas en 2023 con 225.000 euros, son unha das principais vías a través das que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades canaliza o apoio á organización de festivais audiovisuais. “Desde a Xunta de Galicia somos conscientes do papel fundamental que desempeñan dentro do sistema audiovisual galego”, sinalou o conselleiro, quen destacou particularmente o seu carácter estratéxico para a creación de públicos e a promoción da produción galega, ademais do valor engadido que xeran nas súas respectivas contornas polo impacto económico e laboral que acompaña a súa celebración.

Cinco días de celebración

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañouno nesta presentación xunto ao director do Festival de Cans, Alfonso Pato, o resto do equipo organizativo e representantes de entidades e empresas colaboradoras. Neste acto, deuse a coñecer a programación que, por primeira vez, se desenvolverá ao longo de cinco días.

Esta 20ª edición ofrecerá máis de 40 curtametraxes nas seccións a concurso, así como oito longametraxes, que suman máis de 25 estreas audiovisuais, ademais de numerosas actividades paralelas entre as que destacan 25 actuacións musicais. Tamén por primeira vez, o certame celebrará o Día das Letras Galegas, coa estrea o día 17 do documental Florencia, o cego dos Vilares, de Pancho Álvarez.

A apertura do festival correrá a cargo de Honeymoon, de Enrique Otero, que xunto con Sica, de Carla Subirana, ocupa un lugar destacado na programación deste ano. Os realizadores de ambas as longametraxes, subvencionadas pola Xunta, participarán nos diferentes encontros con directores que promove Cans e nos que tamén estarán Álvaro Gago ou Alberto Vázquez.

Máis dun centenar de cineastas

Serán máis dun centenar os cineastas que se darán cita nesta aldea do Porriño para participar nas diferentes seccións do programa, como Jaione Camborda, Sonia Méndez, Alfonso Zarauza, Pela del Álamo, Olga Osorio ou a franco-armenia Valérie Massadian, quen protagonizará o Foco Internacional con varias das súas pezas inéditas en España.

Haberá tamén coloquios con actores e actrices como Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, María Vázquez, Antonio Durán Morris, Nerea Barros, Tamar Novas ou Diego Anido, ademais de Luis Zahera, a quen se lle fará entrega do Premio Pedigree de Honor.

Como nas edicións precedentes, o cartel musical volverá ter unha destacada presenza no festival cos concertos de Los Punsetes, The Limboos ou Mr. Kilombo na Leira do Río, Fillas de Cassandra, Tony Lomba ou Mallou no Torreiro e mais as actuacións poético-musicais no Invernadoiro con Rosalía Fernández Rial e o chileno Nano Stern.

R., 2023-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES