
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañada pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía, Antonio Suárez, visitou esta mañá a XXVI Feira de Artesanía de Ourense, que estará aberta ata o domingo 7 de maio na rúa do Paseo, organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense, en colaboración coa Xunta.
Na edición deste ano participan como expositores 19 obradoiros de Artesanía de Galicia e un procedente de Asturias, especializados no traballo coa xoiería, cerámica, esmaltes, marroquinería, téxtil, bixutería e arranxos florais. Os obradoiros de Artesanía de Galicia son Xakarandá (Marín), Amorei (Soutomaior), Chueco (A Coruña), La Aguada Artesanías (Ribadavia), Mario López (Vigo), Silvereira (Ames), Zimzelatum (Gondomar), Montse Betanzos (O Grove), Paz Navas (A Coruña), A Sariña Maquinando (Ourense), Suso Calo Lobo Tolo (Moaña), Geli Fraga (Cambre), Noga Arts Joyería (Santiago de Compostela), Mestura de Kores (Vigo), Taller Viola (Oza-Cesuras), Cerámica Ferreira (Vigo), Las Flores de Greta (Gondomar), Rosa Fraíz (Vilagarcía de Arousa) e María Aba (Ourense).
Na programación de actividades inclúense tres talleres de artesanía en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. O martes 2 de maio a cesteira Julia de la Cal impartirá un taller de cestería caótica; o mércores 3 de maio haberá un taller de La de ovella autóctona, a cargo da artesá Teté Mareque, o venres día 5 será a quenda do luthier Marcos Domato, e o sábado 6 haberá un taller con Olería do Batán.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.