//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, convocou máis de 20 mil espectadores nos seus primeiros 5 días nos cines, que coincidiron coa ponte do 12 de outubro. Consegue así ser a película en galego máis vista na súa primeira fin de semana da historia, superando os títulos recentes do noso cinema. Trátase tamén da película española gañadora da Cuncha de Ouro con mellor arranque comercial desde Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada en 2002. Despois de xirar durante esta semana por localidades galegas como A Coruña, Santiago, Vilanova de Arousa, Vigo, Ferrol ou Lugo, o equipo de O CORNO continúa esta semana facendo presentacións e coloquios en cines de Madrid e Barcelona.
Coincidindo co centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, a Xunta de Galicia organiza no Gaiás un programa especial de actividades ao redor da exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura. Co propósito de achegar a toda a cidadanía o legado do Seminario, esta programación inclúe tanto obradoiros didácticos para a rapazada como un programa de visitas especiais para público adulto, conducidas por algúns dos maiores expertos de Galicia na historia desta institución determinante na construción da nosa identidade.
Este ano os premios recaen en Yolanda Castaño (na categoría de Letras), o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), Pistacatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (Música), Portocabo (Audiovisual), Ponte...nas Ondas! (Lingua), Eduardo Pardo de Guevara (Patrimonio Cultural) e os curso de verán Galego sen fronteiras (Proxección Exterior). Estes galardóns distinguen un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
Inaugurouse na Coruña a exposición A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso, que se poderá ver no Arquivo do Reino de Galicia ata o 15 de decembro como peche das actividades de celebración do Ano Picasso. A mostra aberta no Arquivo do Reino de Galicia inclúe máis de 150 documentos e obxectos datados entre os anos 1850 e 1920 procedentes da Escola de Belas Artes Pablo Picasso, do Museo de Belas Artes, do Instituto IES Salvador de Madariaga e do arquivo municipal da cidade da Coruña. Así, repartida en tres apartados, os visitantes atoparán documentos, fotografías orixinais, láminas de debuxos realizados polo alumnado, libros usados nas clases e reproducións de expedientes de estudantes como Picasso.
O Seminario de Estudos Galegos foi fundado en outubro de 1923 por un grupo de universitarios co obxecto de formar novo persoal investigador dentro dos diversos aspectos da realidade galega. Malia que puxo o foco inicialmente nas Humanidades, axiña se abriu cara as ciencias sociais e naturais, constituíndo un refacho de aire fresco na Universidade de Santiago, tal e como explica o catedrático da USC e comisario da mostra divulgativa Saber de Nós. Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), Henrique Monteagudo. A esta itinerante que xa pode verse na Facultade de Química, súmase agora a colocación dun vítor no claustro do Colexio de San Xerome coa que a USC rendeu tributo a este grupo de intelectuais entre os que se atopaban Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde ou Lois Tobío.
Do 23 ao 28 de outubro o Teatro Principal de Santiago acollera esta vixésimo primeira edición do AMAL, baixo o lema Ninguén está a salvo. Ao longo da semana, o público poderá gozar de filmes como o premiado en Venecia Entre as figueiras, primeira película de ficción do francotunesino Erixe Sehiri; O caftán azul, da directora e guionista marroquí Maryam Touzani; Conspiracíón no Cairo, do guionista e produtor sueco de orixe exipcia Tarik Saleh, e The sage, do director de cine e televisión sirio, de orixe palestina Basil Al-Khatib.
Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países convidados das edicións 2019 e 2021, no que é o maior evento bienal de deseño da península ibérica, que este ano ten a auga como tema central. Este fito permitirá reforzar a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional e tamén as sinerxías creativas co norte de Portugal, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións nas que Galicia xa colaborou. No acto de apertura da mostra, o xoves día 19, será presentado tamén un ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia que está coeditado pola Porto Desing Biennale e Experimenta Magazine e que terá unha versión dixital gratuíta en galego.
A Xunta convidou os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e management de 13 países ao evento profesional Focus Galicia para lles achegar a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio a través dun intenso programa de actividades que inclúe showcases, presentacións rápidas e reunións. O encontro desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro, días previos á celebración na Coruña do Womex, o encontro itinerante de referencia mundial para a música tradicional e de raíz.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron esta mañá a sexta edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que, no marco dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados pola Xunta de Galicia e coordinados pola RAG, chega este outono a unha ducia de concellos das catro provincias galegas cun dobre obxectivo: achegarlle ao público a orixe e significado dos topónimos do seu municipio e procurar novas persoas colaboradoras na plataforma Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía contribuír á recollida de topónimos e microtopónimos que corren o risco de perderse.
Moitas das protagonistas desta exposición foron persoas senlleiras que levaron unha vida de marcada proxección social como Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta ou Carmen Pardo Losada. Foron mulleres que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e fixérono en diversos eidos como as humanidades ou as ciencias. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos, conseguindo algunhas delas premios profesionais ás súas carreiras. Entre os libros que se exhiben na mostra atópanse varias publicacións de Luisa Cuesta, que chegou ser directora da Biblioteca Nacional de España.
A exposición Itinerante 'Formas tradicionais da cerámica popular: Terra Chá Bonxe, presenta na Facultade de Xeografía e Historia da USC unha selección de pezas oleiras orixinais do centro produtor de cerámica tradicional de Bonxe para poñer en valor esta forma de artesanía tradicional a través do traballo realizado pola Asociación Ceramolóxica Canaveira e persoal investigador da institución compostelá.
Trece obras, sete delas na especialidade de moda e outras seis coleccións de xoias, conforman a exposición dos traballos finalistas da décimo terceira edición do certame Xuventude Crea que poderán visitarse dende este luns e ata o 29 de decembro na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.
Socialdemocracia, Estado Nación, Unión Europea e federalismo constitúen os catro conceptos chave arredor dos cales reflexiona Emilio Pérez Touriño na súa obra El horizonte europeo, presentada este luns no Centro de Estudos Avanzados da USC. O reitor Antonio López e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Luis Blanco Valdés, acompañaron a Pérez Touriño no acto.
O Fórum Metropolitano da Coruña acollerá os días 1, 2 e 3 de decembro a segunda edición de Cinema Rabudo, a mostra galega de audiovisual inconformista que naceu no outono de 2021 co obxectivo de xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e incitar o debate e a reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade. Na súa segunda edición, o Cinema Rabudo mantén a aposta por proxectar documentais sociais, pero de alta factura técnica.
A obra Pater familias de Gael Uxío Proupín Cantelar foi recoñecida co primeiro premio na modalidade de temática aberta da oitava edición do Concurso Literario Mazarelos, cuxo acto de entrega se desenvolveu na tarde deste martes 15 na Facultade de Filoloxía. O segundo dos galardóns recaeu en Na beira do Leteo, de Jennifer Torres Mira, alén de outorgarse un accésit a Poesía a marteladas, de Marco Bravo Rodríguez.
O centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (1922-2009), compositor betanceiro que emigrou a Bos Aires e estudou en París, é a base da mostra que este martes 15 botou a andar no claustro alto do Colexio de Fonseca e que recolle diversas facetas da personalidade do autor. A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións.
O Xardín das Pedras que Falan, en Santiago de Compostela, alberga dende este venres dúas inscricións dedicadas ao poeta galego José Ángel Valente e ao poeta sirio Adonis, presentadas nun acto que contou coa presenza do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; do propio Adonis, que se desprazou expresamente dende París, onde vive exiliado; e de Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética.
'A revolución nos oficios tradicionais mediante a innovación' é o título dun ciclo de obradoiros e coloquios que a Uvigo promove neste mes de novembro e que permitirá achegarse, dun xeito diferente, á fabricación artesá de cestas, zocas ou gaitas. Este ciclo está dirixido a dar visibilidade e pór en valor estes oficios tradicionais, pero tamén a pór o foco en como a través da innovación estes traballos mantéñense vixentes no século XXI.
Cumieira das Letras. Así bautizou o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo o seu novo proxecto, unha revista de periodicidade anual coa que buscan dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. 'Cumieira das Letras Galegas, non leva este apelido no seu nome oficial, pero podería levalo porque ese é o motivo da súa propia existencia, as letras galegas', tal e como explica o seu director, o profesor Alexandre Rodríguez Guerra.
O pobo galego sempre se sentiu parte do universo que o escritor portugués José Saramago foi tecendo ao longo das súas obras e hoxe, cando está a piques de celebrarse o centenario do seu nacemento, a Universidade de Vigo inaugurou un encontro internacional que durante catro días converterá esta cidade en centro neurálxico de estudo e debate sobre a herdanza filosófica e sociopolítica do premio Nobel.