
No mesmo horario pero o xoves 16, botará a andar, no Xardín das Pedras (detrás do Colexio de Fonseca), a primeira edición do Tradi-Fest USC.
A Mostra de Danza Latina quere ampliar a axenda cultural da cidade a través da demostración de pasos básicos e libres de chachachá, merengue, bachata e salsa. As técnicas Pa Fuera e Bailando A Ciegas ou a roda cubana tradicional que executarán estudantes de iniciación, así como a roda cubana dobre con estudantes de iniciación e avanzado, integrarán o programa da xornada. Finalmente, a demostración de pasos básicos e libres de conga, xunto co baile social Parada Latina completan os contidos desta mostra.
Doutra banda, a USC celebra o primeiro Tradi-Fest para favorecer o diálogo cultural entre os pobos do norte e do sur da franxa Atlántica, coa difusión da cultura musical e da danza tradicional, conectando a músicos e bailaríns mozos/as. Actuarán o Espazo de Danza da USC, a Aula de Música Tradicional do Campus de Pontevedra da UVigo e Cía. SanTango. Alborada de Ourense, Merengue de Carelle, Valse do Miro, Muiñeira de Aranga, Foliada de Carril, Tango de Mallou, Pasodobre de San Roque, Loliña, Pasacorredoiras de Arnoia e As miñas cousas integran a programación da xornada.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.