Noticias

Galicia participará no programa interautonómico Corten para a difusión exterior das curtametraxes galegas

Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Xunta participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco. Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.

Ademais da súa vertente promocional, a xornada do sábado contará tamén con varias sesións formativas sobre diferentes aspectos relacionados coa produción e realización de curtas. Así, as actividades darán comezo ás 11,00 h. coa presentación do programa Corten e das principais liñas autonómicas de subvencións dispoñibles para este formato, da man de Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A continuación, o ilustrador e director Alberto Vázquez ofrecerá o relatorio Como transformar a túa curta nunha longa, no que o gañador de catro premios Goya abordará este proceso desde a súa propia experiencia cos títulos Sangre de unicornio e Unicorn Wars, así como co seu actual proxecto a partir da curtametraxe Decorado.

Vías de financiamento

Pola súa banda, a produtora Nati Juncal, de Cósmica Producións, impartirá a sesión Unha cuestión de timing. Como confeccionar un calendario de financiamento, que afondará nas diferentes vías para lograr os recursos económicos públicos e privados que permitan levar adiante un proxecto audiovisual.

Xa pola tarde, Corten Galicia centrarase na proxección de curtametraxes seguida do coloquio cos seus autores. Así, ás 16,00 euros darán comezo os pases de catro dos traballos en versión orixinal galega incluídos nos catálogos Shorts from Galicia 2022 e 2023: Só as árbores coñecen o son das balas, de Rebeca Lar; A rabia, de Alberto Díaz; Lique, de Anita Pico, e O niño dos paxaros, de Lucía Estévez.

O evento finalizará coa exhibición dunha escolma de curtas en representación dos catálogos do resto das comunidades do programa Corten integrada por San Simón ‘62, de Irati Gorostidi e Mirari Echávarri (Navarra); Manual de la siega, de Samuel Ferrandi (Asturias); Cosas que no van a morir, de Manuela Gutiérrez Arrieta (Cantabria), e Lanbroa, de Ana Serna (País Vasco).

R., 2023-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES