Notas de prensa

Especialistas de sete países afondan na UVigo nos sinais de identidade da animación xaponesa

Estreada en 1995 e ambientada nun futuro posapocalíptico, no que humanoides biomecánicos pilotados por adolescentes combaten criaturas de orixe descoñecida, Neon Genesis Evangelion converteuse nun dos títulos de referencia do anime, a animación xaponesa, tanto polo éxito da serie como polo xeito no que esta transgrediu os canons asociados ao xénero mecha, as series niponas protagonizadas por robots.

Esta combinación de factores levaron a que o grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, empregase Evangelion como punto de partida para unha análise das características e especifidades do anime como medio, na que reuniron especialistas de universidades de sete países. As súas achegas reúnense en Anime Studies. Media-specific approaches to Neon Genesis Evangelion, un libro coordinado pola directora do grupo dx5, Ana Soler, e o investigador José Andrés Santiago, que constitúe un dos resultados finais do proxecto Explorando nuevos territorios gráficos desde una perspectiva transdisciplinar. Cómic de campo expandido, el hiperlibro de artista y teorías animéticas contemporáneas, desenvolvido co financiamento do Programa Estatal de Fomento da I+D+i de Excelencia.

Publicado en inglés por Stockholm University Press, en formato dixital de acceso aberto, este traballo, que contará proximamente cunha versión impresa en castelán, propón “unha visión do que sería o anime como un medio, na que en lugar de traballar con series diferentes, collemos unha como pretexto”, salienta Santiago. “Non é un libro sobre Evangelion, é un libro sobre anime”, engade este investigador. Con ese propósito, optaron por centrar o estudo nunha produción “paradigmática e significativa” que “representase a realidade do medio”, o que implicaba tamén, pese a importancia que tivo neste título a figura do seu director e guionista, Hideaki Anno, ir máis aló dunha “obra autoral”, para pór o foco nun proxecto cuxa vida foi máis aló dos 26 capítulos da serie orixinal para dar lugar a longametraxes, cómics ou videoxogos.

Unha serie que adoptou e subverteu os canons

A mediados da década de 1990, Neon Genesis Evangelion foi unha serie “que a nivel formal, estilístico, estético e narrativo marcou todo o que era a ciencia ficción e especialmente o xénero de robots. Cambiou o paradigma por completo e converteuse no espello no que se miraban, directa ou indirectamente, todas as series do xénero”, salienta Santiago. Neste punto, o investigador pon de relevo que o que fixo esta serie “foi apropiarse de todos os códigos que existían no xénero mecha para subvertelo”, de tal xeito que á vez que “identificábase inmediatamente” como tal, propuña, “coas mesmas pezas, algo completamente diferente”.

Unha serie, múltiples focos de análise

Como apunta Santiago, Evangelion é unha serie xa moi estudada “desde un punto de vista temático”, mais non “por aquilo polo que foi moi rompedora, que non son o temas, senón os aspectos estéticos, formais e narrativos”. Deste xeito, o libro detense tanto na súa montaxe, banda sonora ou dobraxe como no fenómeno fan ou nos diferentes produtos derivados da serie. Deste xeito, o grupo dx5 buscaba estudar o anime, non pondo o foco en diferentes producións, senón reunindo “autores de distintos ámbitos, como a socioloxía, historia da arte, estética, literatura comparada, estudos culturais ou belas artes” para analizar unha mesma serie desde múltiples perspectivas.

Esa idea do anime como medio centra de feito o texto introdutorio do libro, asinado pola investigadora da Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt, para logo deterse, nos primeiros capítulos, nos “aspectos máis formais, máis centrados na cinematografía” da serie. Ese é o caso da achega que realiza o propio Santiago ao volume, na que abordar os longos planos estáticos característicos de Evangelion, ou no capítulo que tamén investigadora da Universidade de Estocolmo Ida Kirkegaard centra nun dos elementos característicos das series de anime, “a reutilización de recursos”, o reemprego de planos xa debuxados previamente para novas escenas, unha acción que respondía nun primeiro termo “a unha economía de medios, pero que terminou por converterse nun recurso estilístico e na que Evangelion foi ademais revolucionaria”. Nesta mesa liña de análise, outros dous capítulos detéñense en dous aspectos da serie pouco estudados previamente, a súa banda sonora e a súa dobraxe, da man dos investigadores Heike Hoffner, da Ohio State University, e Minori Ishida, da universidade xaponesa de Niigata.

A partir de aí, un segundo bloque de capítulos, explica Santiago, “falan xa de aspectos un pouco máis expansivos” da serie, como o que o investigador da Hosei University Stevie Suan centra nas personaxes ou aquel no que Manuel Hernández-Pérez, da universidade británica de Salford, “fala de Evangelion como xénero”. Por último, un terceiro bloque de estudos “abre o círculo aínda un pouco máis e trata aspectos como o concepto do media mix, a franquicia expandida”, apunta o editor dete volume. Neste eixo de análise insírense capítulos como o do investigador da Stuttgart Media University Zoltan Kacsuk, que relaciona a serie coa “subcultura otaku”, e o que Olga Kopyloa, da Tohoku University, centra no anime como un medio aberto a franquicias e adaptacións. Nesa mesma liña, a narrativa da serie e dos videoxogos derivados desta centra a achega da turca Selen Çalik Bedir, da Beykoz University, mentres que o capítulo final de Jesicca Bauwens-Sugimoto, da Ryukoku University, “fala de cando os fans collen os materiais da serie e os transforman e retransforman”, explica Santiago. Por último, o volume péchase co sumario que a investigadora do grupo dx5 Tatiana Lameiro realiza tanto da trama como dos principais personaxes.

Universidade de Vigo, 2022-06-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES