
Entre os músicos que participaron nesta edición inclúense artistas como Quartet Gerhard, Marc Vilanova, Lab.51, Arxis Ensemble, a Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Banda Municipal da Coruña. Artistas de referencia mundial como o grupo Cantando Admont ou o compositor Beat Furrer tamén formaron parte da programación do concerto. Ademais, varios concertos estiveron incluídos dentro do ciclo-homenaxe ao compositor Iannis Xenakis, peza clave da música contemporánea do seculo XX.
Os espazos tamén foron moi significativos nesta edición. Así, o Festival RESIS inundou de música lugares como a Igrexa das Capuchinas, o Museo de Belas Artes, o Castelo de San Antón, a Fundación Luis Seoane, a Igrexa de Santiago ou a DOMUS.
Dende a organización do Festival RESIS destacan que un ano máis, a maioría dos concertos esgotaron as entradas días antes da súa celebración. Un dato que certifica o interese do público galego pola música contemporánea.
Ademais, no sector da música contemporánea, o Festival RESIS posicionouse como un referente entre as publicacións especializadas. A Coruña foi durante estes meses o punto de encontro de críticos e especialistas na materia.
Alén das citas musicais, o Festival RESIS programou tamén mesas redondas, máster class en colaboración co Conservatorio de Música da Coruña e xornadas sobre a música contemporánea. A inclusión tamén estivo presente nesta edición, cun proxecto didáctico para persoas con discapacidade auditiva. Por último, presentáronse dúas instalacións sonoras, de Marc Vilanova e de Igor C. Silva xunto a Arxis Ensemble.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.