//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foron presentadas as XXVI Xornadas de homenaxe ao autor Ramón María del Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal desde este domingo ata finais de mes. Trátase dunha ampla programación que inclúe a celebración dunha quincena de actividades diversas para lembrar, homenaxear e poñer en valor a traxectoria de Valle-Inclán a través de propostas como conferencias de divulgación científica, presentacións de libros, espectáculos de narración oral, obras teatrais, actividades plásticas, exposicións ou sesións de monicreques.
O CGAC reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración de Novos Imaxinarios, a nova mostra do museo compostelán comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. Como parte da programación da exposición, o CGAC acollerá desde o sábado un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme Segundo Premio, ou Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe 'O que arde' no Festival de Cannes, no Festival Internacional Mar del Plata e nos premios Goya e Feroz.
O ciclo Mestre Mateo de cinema galego inclúe por primeira vez na súa programación as curtametraxes finalistas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales e a Academia Galega do Audiovisual. Será un total de nove filmes que se van proxectar en 24 concellos de Galicia localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais. A primeira destas proxeccións terá lugar mañá, 3 de outubro, no cine Alfonsetti de Betanzos.
O programa de espectáculos desenvolverase no mesmo recinto da alameda e abrirase coa proposta Intempestiva, unha peza de Elahood inspirada na obra e na figura da escritora Xela Arias como retrato en movemento da axitación creativa das novas xeracións para cuestionar que significa facer algo de proveito. A creación recibiu o Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certamen Coreográfico de Madrid (2021), e o premio a Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres.
A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá desde o 1 ata o 6 de outubro un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas. As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades públicas galegas, de dez concellos e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, xa ten aberto o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo hoxe entrega en París ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, do primeiro avance do expediente da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial. Trátase dun trámite necesario para avanzar no futuro do territorio para obter o máximo recoñecemento da Unesco. 'Estamos a dar os pasos precisos e cumprindo cos trámites establecidos para ter este recoñecemento', aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, tras o encontro na capital de Francia co embaixador de España ante a Unesco, no que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez.
A Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural (TechnoHeritage) celebrará a vindeira semana en Santiago de Compostela o seu congreso internacional, logo dunha primeira edición celebrada xa na capital galega en 2012. Nesta ocasión, o 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 desenvólvese conxuntamente ao 1º Encontro Bienal do Grupo Especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural (GEQP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
O cinema galego volve contar cunha sección propia no London Spanish Film Festival, denominada Letters from Galicia, para exhibir na capital británica algunhas das producións do cinema galego máis recente. A Xunta de Galicia colabora coa asociación Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, e a plataforma Galician Film Forum nesta segunda edición da iniciativa ao abeiro do certame londiniense, que se desenvolve ata o día 25. Letters from Galicia acollera as proxeccións de O Corno (2023) e o documental Salvaxe, Salvaxe (2024), ademais dunha selección de curtas.
A cita inclúe os concertos que terán lugar en diferentes localizacións onde o mércores 2 de outubro actuarán no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a soprano Roberta Invernizzi, o tenor Marcello Nardis e Ars Atlántica dirixidos polo director Manuel Vilas. O sábado cinco será o turno de Concert le Phénix e Fernando Santiago na igrexa da Universidade, onde tamén estarán El Afecto Ilustrado e Adrián Linares o martes 15. O Teatro Principal acollerá o luns sete de outubro a Dolce Rima, o martes oito a Diego Ares e o sábado 12 a La Reverencia e a Andrés Alberto Gómez. Ademais haberá actividades como conferencias, club de lectura, proxección e improvisacións.
O paraninfo da Reitoría acollerá o vindeiro luns, 15 de abril, ás 20:00 horas, o primeiro recital na Coruña da poeta palestina Rafeef Ziadah. A súa poesía, dedicada á guerra en Palestina, estará acompañada da música en directo de Phil Monsour. O evento será de carácter gratuíto e está organizado pola asociación Pallasos en rebeldía e o Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
Un ano máis, e xa van vinte e dous, chega a vindeira semana a Compostela o Encontro Universitario de Danza (EUD), unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC que busca favorecer o intercambio cultural a través da danza e achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade. A 22 edición do EUD acollerá os días 15 e 16 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal, a presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera.
O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que celebrará a súa 20ª edición do 1 ao 5 de maio na cidade de Tui, Galicia, anuncia os filmes que conformarán a competición internacional desta nova entrega do certame, así como o xurado que outorgará os premios nesta categoría. Esta edición aniversario destaca pola participación de recoñecidos e celebrados cineastas cuxas obras se caracterizaron pola permanente procura estética e o risco formal.
Un total de 11 propostas cinematográficas compiten na novena edición do certame cinematográfico en lingua galega Findecurta, unha iniciativa promovida pola Área de Cultura da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, e cuxa temática convidou aos máis de 100 participantes inscritos a imaxinar o 'Último día na Terra'. Distribuídos nun total de 11 equipos, a parroquia do IX Findecurta gozou de pouco máis de 80 horas para materializar as súas propostas.
O mércores ás 19:30 horas terá lugar en Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, a inauguración da exposición 'HIC SUNT LEONES Aquí están os leóns', do artista galego Pablo Barreiro. Barreiro establece un diálogo coa copia dos leóns que hai na entrada do parque do Pasatempo de Betanzos, dúas pezas que os irmáns García Naveira copiaron dos orixinais da basílica de San Pedro (Roma), feitos por Antonio Canova para o sepulcro do papa Clemente XIII (1759-1769).
O Grupo de Investigación de Románicas da USC creou a Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa, en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O proxecto, realizado grazas aos progresos tecnolóxicos acadados nas últimas décadas no ámbito das Humanidades Dixitais, é froito do traballo dun equipo multidisciplinar liderado por Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín.
O escultor lugués Álvaro de la Vega inaugurou no Colexio de Fonseca a exposición 'Xéneros e números', na que propón agrupamentos abigarrados de mulleres e homes tallados en madeira que nos observan, que se fan observar ou que se desprazan emerxentes e decididos, sen mirar atrás. 'Trato de pór o foco sobre a atmosfera que crea a disposición dos agrupamentos de individuos fronte á figura illada dun neno espido á vez que sobre as sombras que se proxectan en cada un dos corpos'.
Do 11 de abril ao 9 de maio, a cidade de Ourense acolle a celebración da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), que contará con 23 espectáculos de teatro, música e danza, ademais de formación. Unha edición máis a Universidade de Vigo volve a ter un protagonismo destacado nela, non só no seu patrocinio e organización senón tamén coa actuación das aulas de teatro e danza dos seus tres campus.
Será a mediados de mes cando teña lugar en Lugo o Festival de Teatro Universitario (cinco compañías presentarán no auditorio Gustavo Freire outras tantas producións), e uns días despois en Compostela a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que se completarán con obradoiros de arte escénica, a iniciativa escaparArte e a presentación do exercicio final da Escola de Teatro.
A familia e os amigos de Santiago Rodríguez López teñen a dor de comunicar o pasamento do destacado biólogo, escritor e catedrático na Universidade de Bristol, ocorrido o pasado 19 de marzo, aos 52 anos de idade, despois dunha breve enfermidade. Precisamente, o Concello de Paradela celebrará mañá xoves unha sesión plenaria, na que se levará a cabo a culminación do expediente de nomeamento de Santiago Rodríguez López como Fillo Adoptivo do Concello a título póstumo.