Notas de prensa

NORMAL inaugura nova exposición do artista Pablo Barreiro

O mércores ás 19:30 horas terá lugar en Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, a inauguración da exposición 'HIC SUNT LEONES – Aquí están os leóns', do artista galego Pablo Barreiro. Barreiro establece un diálogo coa copia dos leóns que hai na entrada do parque do Pasatempo de Betanzos, dúas pezas que os irmáns García Naveira copiaron dos orixinais da basílica de San Pedro (Roma), feitos por Antonio Canova para o sepulcro do papa Clemente XIII (1759-1769).

Un deles representa as virtudes da fe; o outro, a vida eterna. Despois de ter decaído o Pasatempo nos anos 70, os leóns foron mercados e levados para Asturias, onde vixían na actualidade a entrada do santuario de Covadonga.

O artista busca así a aproximación á Urbild, figura arquetípica, que consolida a idea do mundo europeo. No seu traballo de acción e reflexión sobre a copia, realizando copia da copia, reproduce partes dos leóns como signos dun prototipo arredor do cal a historia da arte comezou a gravitar, definindo o sentido canónico da beleza. Nas escalas de arte, a reprodución dos prototipos era condición necesaria para aprender o bo gusto e adquirir a mestría da tékhne, a técnica.

Pablo reflexiona sobre o proceso técnico da reprodución buscando a sinatura que, como rastro arqueolóxico, fica dese arquetipo esgazado, roto, ruinoso e do que só nos queda o fragmento.

PABLO BARREIRO

Pablo Barreiro naceu en Meaño (Pontevedra), en 1982 e vive a cabalo entre o seu taller, ubicado na súa localidade natal e Santiago de Compostela. Estudou Escultura na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e Belas Artes en Salamanca.

O seu traballo baséase con frecuencia na idea da repetición, copia e serialidade de elementos, algo que forma parte dunha linguaxe clara e definida. En consecuencia, sente fascinación polos mecanismos de reprodutibilidade e polo xeito en que a historia da arte occidental se serviu da copia. A súa forma de traballo céntrase na repetición dun obxecto ou imaxe, buscando conflitos entre o orixinal e a copia.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES