
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo asistiu hoxe ao acto de inauguración do VI Festival de Música Antiga e Barroca organizado polo Ateneo Barroco que se celebra do dous ata o 16 de outubro e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Neste encontro convidou á cidadanía a achegarse ata Santiago de Compostela para gozar da cultura e da música neste encontro ao que se van achegar artistas destacados desta modalidade musical.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que o certame, que vai pola súa sexta edición, ofrecerá concertos e distintas actividades complementarias que se atopan enmarcadas dentro dos obxectivos do Goberno galego de reactivar e apoiar o sector musical en todos os xéneros. Neste senso, o director xeral de Cultura salientou que esta cita conta coa colaboración da Xunta a través das subvencións a festivais.
No marco desta presentación, Anxo M. Lorenzo tamén puxo en valor ao Ateneo de Santiago, unha entidade xa consolidada como espazo de entendemento e coñecemento, que promove diversas actividades para a cidadanía. Deste xeito, sinalou o importante que é que, dende as institucións públicas, se lles dea axuda a asociacións que difunden e dan valor á nosa cultura.
Certame e actividades complementarias
A cita inclúe os concertos que terán lugar en diferentes localizacións onde o mércores dous de outubro actuarán no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a soprano Roberta Invernizzi, o tenor Marcello Nardis e Ars Atlántica dirixidos polo director Manuel Vilas. O sábado cinco será o turno de Concert le Phénix e Fernando Santiago na igrexa da Universidade, onde tamén estarán El Afecto Ilustrado e Adrián Linares o martes 15.
O Teatro Principal acollerá o luns sete de outubro a Dolce Rima, o martes oito a Diego Ares e o sábado 12 a La Reverencia e a Andrés Alberto Gómez. Finalmente, a carón destas citas, tamén haberá unha serie de actividades complementarias que inclúen outros encontros como conferencias, un club de lectura, unha proxección e improvisacións.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.