Notas de prensa

Chega a Compostela o XXII Encontro Universitario de Danza

Un ano máis, e xa van vinte e dous, chega a vindeira semana a Compostela o Encontro Universitario de Danza (EUD), unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC que busca favorecer o intercambio cultural a través da danza e achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade. A 22 edición do EUD acollerá os días 15 e 16 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal, a presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera.

A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións, previo paso polo despacho de entradas a partir das 18.00 horas.

Será a Aula de Danza da Universidade de Coruña a que abra o programa o luns 15 de abril coa peza '... E todo o demais non importa' , con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo. A continuación chegará ‘Migracións', obra da Compañía de Danza da USC coreografada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera, que nesta ocasión reúne as tres compañías da USC -campus de Compostela e Lugo e Sen Vergoña- nunha soa produción que trata das diferentes migracións que se poden dar nun ser humano, dende as células do organismo á supervivencia, cambio, adaptación, aprendizaxe e necesidade que xorden da nosa vida.

Xa o martes 16 presentarase ao público compostelán a Aula de Danza do Campus de Ourense coa obra titulada 'Bolero', unha coreografía colectiva con dirección artística de Nuria Sotelo. De seguido, e rematando o Encontro de Danza da USC, actuará de novo a Compañía de Danza da USC coa coreografía 'Migracións'.

Migracións

Nesta nova produción do Espazo de Danza danse novas formas de traballo, como son a de xuntar nun mesmo traballo as tres compañías de danza contemporánea da USC e a relación de distintas xeracións de idade para facer grande a interxeralidade.

A obra contará tamén coa interpretación das bailarinas Iria Estevez á voz e Sabela R. Campo cunha poesía creada por ela para a peza coreográfica. Conforman o elenco ademais Manuela Cividanes, Alexandra Clista, Uxía Felpeto, Aroa García, Ziggi Iglesias, Xonxa López, Arrate Núñez, Sara Sanz, Alicia Collazo, Lucía Fernández, Inés Fernández, Andrea Gil, Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Loli Besteiro, Minda Méndez, Rosa Menéndez, Sabela R. Campo e Bea Ovalle.

O traballo de vestiario corre a conta das bailarinas facendo cada unha delas un deseño persoal con telas das antigas producións do Espazo de Danza, unha maneira real de reciclaxe, creatividade e sustentabilidade dos antigos materiais empregados noutro tempo.

Espazo de Danza da USC

O Espazo de Danza da USC foi no seu día unha iniciativa pioneira na universidade española, concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións así como a presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES