//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Máis de 90.000 espectadores e 340 actuacións escénicas e musicais en 103 concellos de Galicia é o primeiro balance do ciclo Cultura no Camiño, que arrancou o pasado mes de abril e que pecha hoxe a súa programación cun concerto do grupo Treixadura, en Valga, ao que asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Esta iniciativa, que vai xa pola súa sexta edición, está promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, e volveu contar, ademais, co patrocinio de Gadis.
O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) fixo público hoxe o cartel de espectáculos, mesas redondas e actividades formativas da súa undécima edición, que ofrecerá do 4 ao 14 de outubro unha quincena de montaxes de cinco países, así como o IV Encontro Mulleres Creando e o curso O xogo, motor da creación. A organización do festival mantén un forte compromiso co teatro feito en Galicia, coas actuacións da compañía de circo IO, de A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), de Trécola e de Matarile Teatro, que estrea no FITO Os limóns, a neve e todo o demais.
Máis de 250 persoas de 41 nacionalidades diferentes reúnense desde hoxe e ata o sábado en Santiago de Compostela para participar na World Trails Conference, o congreso internacional no que se reúnen as mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo. O congreso permitirá coñecer as experiencias de, entre outros, o Camiño Kumano Kodo -Patrimonio Mundial e irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos- e tamén o Camiño Shikoku Henro, co que tamén Galicia mantén férreas alianzas de colaboración.
Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
'A derradeira leición' do mestre obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e considerada o 'Guernica galego' foi hoxe descolgada e embalada por técnicos especialistas para iniciar o procedemento de traslado desde o Centro Galicia de Buenos Aires a Galicia, onde se exhibirá por vez primeira na Cidade da Cultura do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019 como eixe central de 'Castelao maxistral', homenaxe ao papel dos mestres e mestras das tres primeiras décadas do século XX na construción do ensino público.
O ciclo de músicas en espazos de interese cultural da Consellería de Cultura e Educación, Espazos Sonoros, viaxa o domingo 23 a vila ourensá de Castrelo de Miño para ofrecer un obradoiro de achegamento á música antiga no que, ademais, se vai visitar o taller de luthería Vaz Música Antiga, situado en Astariz, unha pequena aldea do mesmo concello. Ismael Vaz, o artesán que trae á vida instrumentos doutras épocas será o anfitrión dos 60 participantes na iniciativa aos que lles amosará como traballa a madeira para construír instrumentos a semellanza dos antigos, como violas de gamba ou fídulas, con ferramentas do século XVII que fixo el mesmo.
Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, presentou en Pontevedra o programa da súa décimo cuarta edición, que modifica e amplía as súas datas de celebración, ademais de se abrir a máis estilos musicais na procura de novos públicos. O programa desta nova etapa desenvolverase do 11 ao 14 de outubro en varios espazos de Pontevedra e combinará os concertos con diferentes actividades culturais para todos os públicos. O novo Cantos na Maré cambia as súas datas de celebración de xaneiro a outubro, ampliando a catro os días de programación, así como os espazos que acollerán as súas actividades
O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 25 aniversario con música, obradoiros, danza, cinema e unha intervención lumínica de Javier Riera, que poñerá en valor a colaboración entre Álvaro Siza, arquitecto do CGAC, e a paisaxista galega Isabel Aguirre para crear o parque de Bonaval. Trátase dunha programación con actividades destinadas a atraer un gran número de persoas a este espazo aberto para o desenvolvemento, impulso e promoción da arte galega actual, segundo o definiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación das iniciativas.
A Cidade da Cultura acolleu a tarde de hoxe a XV Romaría Coral galega, o evento máis importante en Galicia deste xénero musical, ao reunir preto de 800 voces na Praza Central do Gaiás, procedentes de 34 agrupacións. Todas elas entoaron de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional, obras de autores clásicos e, como colofón, remataron interpretando o Himno galego, acompañados pola Banda Municipal de Música de Santiago. A XV Romaría Coral Galega comezou ao mediodía de hoxe coa asistencia de todos os participantes á misa cantada na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo desvelou hoxe a programación da súa vixésimo sétima edición, que do 28 de setembro ao 31 de outubro desenvolverá 41 espectáculos e diferentes accións paralelas arredor da exhibición e da formación escénica. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu esta tarde a presentación da que é unha das citas máis importantes da nova temporada teatral, tanto por volume de actividade como por número de días de celebración. Entre as compañías programadas figuran moitos nomes imprescindibles da escena actual.
A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, celebrou o Día das Letras Galegas á beira do Mar Morto, en Xordania, no decurso dunha viaxe cultural na que participaron 66 lucenses. O xornalista Xulio Xiz, membro desta Asociación, na súa intervención, fixo historia do Día das Letras desde a súa creación en 1963, ata o momento actual, subliñando os especiais méritos de María Victoria Moreno.
A entrega á USC da biblioteca persoal de Ramón del Valle-Inclán, así como do arquivo familiar, documentación sobre representacións teatrais das obras do autor, traducións e outros documentos diversos permite unha imaxe da totalidade respecto de Valle-Inclán e, en definitiva, o acceso ao taller do escritor. Con esta metáfora, a directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, describía a importancia da cesión á USC do legado do escritor.
Este xoves a Asociación Cultural Eira Vella conmemora o seu 25 aniversario coa presentación do facsímil de A Xanela, na etapa de suplemento cultural de Betanzos e a súa comarca, que se entregará aos asistentes. A Xanela apareceu como suplemento deste periódico, antes de convertirse en revista independente, entre os meses de xuño de 1994 a maio de 1995, saíndo un total de doce números.
Este mércores no Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Etnolóxico de Ribadavia presenta o libro 'Museo aberto: saltando valados', nunha edición trilingüe galego, castelán e inglés que recolle a análise do programa 'Museo aberto', no que se analiza a experiencia do Museo con tres colectivos: Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense, Cárcere de Pereiro de Aguiar e Cruz Vermella O Ribeiro.
O próximo mércores ás 20:00h. terá lugar no auditorio do Centro Cultural Cárcere Vello de Lugo, o acto de presentación do libro CO2, de Isidro Novo. Trátase da última obra publicada en vida por Isidro Novo e que por circunstancias que teñen que ver coa súa saúde e, infelizmente, co seu pasamento, non se puido presentar cando estaba previsto. No acto intervirán Carmen Basadre, concelleira de Cultura do concello de Lugo e Francisco Macías, responsable de Positivas, editora do libro.
Docente excepcional, María Victoria Moreno foi unha escritora que axudou a conformar o sistema literario infantil e xuvenil nun contexto adverso, polo que podemos afirmar que foi pioneira desta literatura. Así comezaba a profesora Blanca Roig Rechou a súa intervención no acto do Día das Letras Galegas que cada ano celebra a Universidade de Santiago, nun concorrido acto no Salón Nobre de Fonseca presidido polo reitor Juan Viaño e coa asistencia de numerosas autoridades académicas, políticas e civís.
Varela Producciones, la Compañía de Teatro de Blanca Marsillach, y la Obra Social la Caixa llegan a Vigo para presentar Entre versos y Marsillach, un proyecto de artes escénicas para uno de los colectivos con un rol más importante de nuestra sociedad: las personas mayores. La presentación a medios tendrá lugar el 25 de mayo en el Auditorio Municipal de Vigo.
Pilar García Porto presentou as actividades promovidas pola Deputación de Lugo para homenaxear a María Victoria Moreno, á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. As iniciativas presentadas inclúen un taller de serigrafía, un concerto da Tradaescola coa Escola de Betanzos, ademais da continuación dos traballos didácticos nos que participan 7.000 escolares da provincia.
Ao mediodía do venres, 11 de maio, rematou a recollida de adhesións á petición da Medalla Castelao para o crego e musicólogo Xesús Mato Mato.O total de adhesións recibidas ata ese momento foi de 2.538, das que 239 corresponden a Institucións, Asociacións ou empresas, ás que hai que sumar cifra no momento de facilitar esta información- 705 firmas na web change.org.
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, visitaron aos alumnos de 3ºC do IES Lucus Augusti de Lugo, para coñecer os traballos que están realizando co material didáctico doado pola Deputación na Semana Escolar das Letras Galegas, que este ano homenaxea a María Victoria Moreno.