
O ciclo arrancará o 30 de xaneiro coa participación de Carlos L Bernárdez, prestixioso historiador e crítico da arte, e seguiranlle os catro mércores seguintes o historiador e comisario de Castelao maxistral, Miguel Anxo Seixas; o humorista gráfico, xornalista e ensaísta Siro López; o ex Valedor do Pobo José Julio Fernández; e Pilar Cagiao, especialista en fenómenos migratorios e directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas Gumersindo Busto, encargada de pór o alfinete a estas xornadas o 27 de febreiro.
Os Diálogos o redor de Castelao comezan con Carlos L. Bernárdez, quen abordará o peso da figura de Castelao na plástica galega. En concreto, centrarase no período da Guerra Civil. Pola súa banda, o 6 de febreiro, Miguel Anxo Seixas revelará polo miúdo como concibiu a mostra Castelao maxistral e achegaralles aos e ás participantes as últimas descubertas sobre o artista de Rianxo.
Ao seguinte mércores, día 13 de febreiro, será a quenda de José Julio Fernández. O ex Valedor do Pobo e actualmente mestre de Dereito Constitucional da USC e director do Centro de Estudos de Seguridade afondará nos debuxos de Castelao, pero desde a óptica da capacidade comunicativa dos mesmos nunha opinión pública democrática.
O recoñecido humorista gráfico, caricaturista e ensaísta Siro López participará o 20 de febreiro neste ciclo cunha intervención co suxestivo título Castelao, o humor galego en Europa. Débese destacar que o debuxante é todo un experto na figura do artista de Rianxo, xa que ten publicado Simplicissimus, Gulbransson e Castelao, onde desenvolve a influencia do humorista alemán Gulbransson sobre os traballos e caricaturas do intelectual galeguista; e Castelao na arte europea, na Real Academia Galega de Belas Artes.
Pilar Cagiao pechará o ciclo co que a Cidade da Cultura se suma a programación homenaxe ao Día do Castelao. A directora do Centro Inderdisciplinario de Estudos Americanistas Gumersindo Busto intervirá o mércores 27 de febreiro no que incidirá no exilio ao que se viu obrigado Castelao na Arxentina, e moitas e moitos dos seus coetáneos, xa que é especialista en movementos migratorios e as relacións culturais entre España e América. Precisamente, a súa tese doutoral Participación económico social da inmigración galega en Montevideo, 1900-1970, lida na Universidade Complutense de Madrid (1990) mereceu Premio Extraordinario.
Outras actividades ao redor de Castelao maxistral
Ademais destas xornadas, a Cidade da Cultura continúa co seu programa de actividades para dinamizar a exposición Castelao maxistral. Así, do 26 de febreiro ao 1 de marzo realizarase un ciclo de debate con escolares, moderado por xornalistas.
Precisamente, a comunidade educativa está a amosar un enorme interese pola exposición, xa que son preto de 4.000 escolares os que xa a teñen visitado desde a súa apertura e, a día de hoxe, xa está confirmado ata o peche da mostra previsto para o 3 de marzo un número similar, polo que a cifra final prevista é a de superar os 8.000 estudantes en Castelao maxistral, provenientes de centros de toda Galicia.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.