Noticias

'Elisa e Marcela' e 'A leituga' represéntanse en Madrid grazas ao intercambio entre MADferia e Galicia Escena PRO

Os espectáculos galegos Elisa e Marcela, de A Panadaría, e A leituga, de Eme 2 Producións, represéntanse esta semana na XV Feria de Artes Escénicas de Madrid MADferia grazas ao intercambio entre este encontro madrileño e o mercado Galicia Escena PRO. Os representantes de MADferia asistiron tamén ao mercado galego, onde tiveron a oportunidade de ver os espectáculos galegos programados, co obxectivo de seleccionar dous deles para a súa carteleira.

A través deste mesmo acordo que estableceron a Agadic e a Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid Artemad, organizadora de MADferia, Lo nunca visto e Soñando a Pinocho, das compañías madrileñas La Estampida e La Tartana, respectivamente, exhibíronse o pasado mes de xuño en Santiago de Compostela dentro da sexta edición de Galicia Escena PRO.

Os representantes de MADferia asistiron tamén ao mercado galego, onde tiveron a oportunidade de ver os espectáculos galegos programados, co obxectivo de seleccionar dous deles para a súa carteleira, integrada por 16 producións que se poderán ver desde hoxe e ata o venres no Centro de Creación Contemporánea Matadero.

Alí actuará mañá mércores A Panadaría coa súa premiada montaxe Elisa e Marcela, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España. Esta produción, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, chega a Madrid precedida dun gran éxito de público durante a súa ampla xira por Galicia e dos seus múltiples recoñecementos nos Premios María Casares de Teatro, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival de Teatro Galego do Carballiño, entre outros.

O xoves será a quenda de Eme2 Producións, con A leituga, a partir do texto de César Sierra e con dirección de Víctor Duplá. Nesta traxicomedia, Antonio Durán “Morris”, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato interpretan os integrantes dunha familia que se reúnen para celebrar o aniversario do pai, en coma desde hai anos. A discusión por ver quen se encarga dos seus coidados saca a relucir asuntos non resoltos dentro da reflexión sobre o dereito á vida e á morte.

R., 2019-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES