
No Salón Teatro atópase en residencia desde o pasado luns o equipo do espectáculo, que culmina así varios meses de investigación e estadías artísticas entre Medellín e Galicia para desenvolver esta proposta dirixida por Chiqui Pereira a partir dun texto orixinal de Paula Carballeira, que acaba de chegar ás librarías dentro da colección DiTeatro de Edicións Positivas.
Paula Carballeira é, ademais, unha das tres intérpretes de Doppelgänger xunto aos irmáns colombianos Juan Diego e José Ricardo Alzate. Sobre as táboas, danlle vida a unha proposta que, baixo a aparencia dun proceso de ensaio, amosa a busca dunha dramaturga que quere contar a historia de dous irmáns loitando en bandos contrarios. Deste xeito, proporanlle ao público unha reflexión sobre a identidade individual e a social, sobre a necesidade de asumir o outro como parte de nós mesmos como único xeito de superar a crise de identidade.
Forza e experiencia en escena
A peza resultante destaca pola súa coidada estética e pola concentración da acción nun só escenario, así como pola forza interpretativa dos tres protagonistas, que reflicten toda a súa experiencia dun e doutro lado do escenario. Juan Diego Alzate, por exemplo, é un antropólogo e artista colombiano con máis de vinte anos de traxectoria durante os que mesturou disciplinas como o clown, o teatro, a improvisación, a literatura e a música. O seu irmán xemelgo, José Ricardo Alzate, é actor, produtor teatral e especialista en xestión escénica, ademais de narrador como Juan Diego. Un oficio escénico este último no que tamén destaca a galega Paula Carballeira, quen ademais de contacontos é escritora, guionista, actriz, produtora e directora teatral.
Inmediatamente despois da función de estrea de mañá, para a que a entrada é por convite, o equipo do espectáculo manterá un encontro co público para compartir cos asistentes como foi este proceso de creación e coprodución a ambas beiras do Atlántico.
Para o resto das representacións, a venda anticipada de localidades está xa operativa a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443 a un prezo de 10 euros, cos descontos habituais, de venres a sábado; e de 5 euros o domingo, en tarifa única do día do espectador. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo das representacións.
Despois da súa estrea en Santiago, Doppelgänger poderá verse no Teatro Ensalle de Vigo do 1 ao 3 de febreiro e na Sala Ingrávida do Porriño do 8 ao 10 dese mes.
Esta é a primeira das cinco coproducións do Centro Dramático Galego para este ano 2019, dentro do que tamén se apoiarán a través deste programa da compañía pública as montaxes A compañeira de piso, de Contraproducións; Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.