Noticias

O Salón Teatro de Santiago recibe a compañía Malasombra con dúas das súas comedias máis coñecidas

A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Malasombra Producións con dúas das comedias máis coñecidas desta compañía galega: Go On, o venres 18 ás 20,30 h., e D.E.P. Descanse en paz, o sábado 19 á mesma hora. A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén coa estrea de Doppelgänger, espectáculo de Berrobambán en coprodución co Centro Dramático Galego, que tamén colabora con esta compañía compostelá a través do seu programa de residencias. Dentro desta mesma iniciativa, Artesa Cía. chegará á sede do CDG o luns 28 para continuar traballando sobre Chola a It Girl, montaxe que representará no Salón Teatro do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro.

Tras a súa recente participación no ciclo de Nadal do CDG Gran teatro para os máis pequenos co espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos cleaners, o dúo interpretativo que integran Xoque Carbajal e Jouse García regresa ás táboas do Salón Teatro con dúas propostas, dirixidas por Marcos Orsi, coas que continúan a xirar por todo Galicia.

O venres será a quenda de Go On!, comedia escrita por José Luis Prieto sobre uns astronautas que toman terra no “planeta Galicia”. Os exploradores inician entón “unha odisea cósmica no espazo galego”, durante a que entrarán en contacto cos cans de palleiro, o porco do San Martiño, as festas gastronómicas, os toxos e as ortigas ou a Santa Compaña.

Ao día seguinte, o pano do Salón Teatro levantarase para D.E.P. Descanse en paz, produción realizada a partir dun texto de Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, traducido e adaptado por Xoque Carbajal. Esta montaxe bota man do humor para contar unha historia de egoísmo, mentiras e enganos entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.

A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén coa estrea de Doppelgänger, espectáculo de Berrobambán en coprodución co Centro Dramático Galego, que tamén colabora con esta compañía compostelá a través do seu programa de residencias. As funcións para público xeral terán lugar do xoves 23 ao domingo 25.

Dentro desta mesma iniciativa de estadías artísticas, Artesa Cía. chegará á sede do CDG o luns 28 para continuar traballando sobre Chola a It Girl, montaxe que representará no Salón Teatro do xoves 31 de xaneiro ao domingo 3 de febreiro.

R., 2019-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES