Noticias

A Biblioteca de Galicia celebra o Día do Ilustrador poñendo en valor a obra do artista vigués Federico Ribas Montenegro

A Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Ilustración o próximo mércores 30 de xaneiro poñendo en valor a obra do artista vigués Federico Ribas Montenegro, protagonista desta data que promove a Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a través do Calendario do libro e da lectura 2019. Ademais de adicarlle o Día da Ilustración a Federico Ribas Montenegro, a Biblioteca de Galicia tamén acollerá unha mostra de pequeno formato na que se exporán algunhas das obras máis singulares do ilustrador, debuxante e publicista.

Tamén se celebrarán actividades en todas as bibliotecas que xestiona a Xunta de Galicia (Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña e a Biblioteca de Galicia), onde se levarán a cabo talleres, obradoiros, mostras ou clubes de lectura.

Pioneiro no eido da publicidade

O artista Federico Ribas fíxose coñecido esencialmente como ilustrador e como publicista, campo no que foi pioneiro. As abundantes portadas e ilustracións, xunto cos seus recoñecidos deseños publicitarios, outórganlle unha innegable fama no seu tempo. Tanto é así que chegou a ser o ilustrador español máis cotizado dos anos 20. Ribas foi quen de crear un estilo propio de raíces modernistas e de perfecto e estudado debuxo de liñas que, á vez que elaboradas, eran claras e sutís. Na súa traxectoria incluso colaborou coa popularización do modelo de muller moderna.

É especialmente coñecido como publicista, fixando na memoria da sociedade da súa época unha imaxe refinada, mundana e elaborada dos produtos que anunciaba. Destacan especialmente os anuncios que, ao longo de máis de vinte anos, deseñou para a casa de perfumería Gal, empresa española que chegou a ser o provedor oficial da familia real española.

Cubertas de publicacións

A calidade de Federico Ribas como debuxante abriulle as portas non só dos anuncios e ilustracións do interior dos libros e revistas, senón tamén das cubertas, tanto de libros como de publicacións periódicas, que confiaron no innegable atractivo dos debuxos de Ribas para atraer o público a través de imaxes coloristas e de enorme beleza. Ademais destas pequenas obras de arte, tamén realizou abundantes capas para as revistas de ampla tirada onde adoitaba publicar, entre as que destacan Blanco y Negro ou La Esfera.

Nacido en Bouzas e emigrado a Arxentina

O artista ao que este ano se lle adica o Día da Ilustración naceu na vila de Bouzas en 1890. A súa familia pertencía a burguesía conservera local e tiñan intención de que Ribas estudase Medicina. Este obxectivo non se logrou porque dende moi pequeno manifestou un gran interese e capacidade para o debuxo. Como tantos galegos, emigrou a Arxentina e viviu en Bos Aires ate que se mudou a París. Cómpre destacar tamén que durante a súa etapa en Bos Aires, onde se exiliou con motivo da Guerra Civil, realizou as adaptacións gráficas de El Quijote e de La isla del tesoro, ademais doutras obras, quizais menos coñecidas, como as ilustracións infantís para a editorial Atlántica, das que a Biblioteca de Galicia posúe varios exemplares.

Día da Ilustración

A Xunta creou no ano 2014 o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro. O obxectivo é potenciar este sector e situalo no lugar que lle corresponde. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao, gran debuxante ademais de político, escritor, pintor e médico, ao que se lle dedicou a primeira edición. Ademais, o ano pasada púxose en marcha a web do Día da Ilustración, onde están accesibles os principais recursos vinculados coa celebración.

Cómpre destacar tamén que cada ano se crea un cartel especial para esta data. Nesta edición o encargado do seu deseño foi o ilustrador galego Santy Gutiérrez, que o domingo impartirá un taller para nenos de entre 8 e 13 anos na Biblioteca de Galicia.

Mostra Internacional da Ilustración Contemporánea

Co obxectivo de poñer en valor o sector da ilustración en Galicia e a súa gran diversidade de propostas creativas, inaugurouse en decembro a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea na sede de Afundación en Santiago de Compostela. Lara Lars, María Hersse e Christoph Niemann son algúns dos artistas que participan nesta exposición que se poderá visitar ata o 10 de marzo. As datas desta exposición reaxustáronse para que coincidira coa celebración do Día da Ilustración.

A muller conta cun papel destacado nesta exposición na que 13 dos 16 participantes son mulleres, o que demostra a repercusión do seu traballo no ámbito da ilustración. Ademais, Galicia aparece representada por algunhas das súas ilustradoras máis recoñecidas.

R., 2019-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES