Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe no pleno do Parlamento que proporá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual. Con esta proposta, resaltou, 'temos a oportunidade de celebrar a unión de todos os galegos e galegas cun gran pacto ao redor da nosa cultura, simbolizada nunha das figuras clave da nosa identidade' e, xa que logo, 'abrimos unha porta a permanecer todos xuntos polo que nos une, permitíndonos levar a cabo accións que poñan en valor os nosos fitos e prestixien a nosa lingua'.
A Filmoteca de Galicia acolle en novembro unha programación especial dedicada á documentalista xaponesa Sumiko Haneda e unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero coa visita da directora Pilar Palomero. A presentación do libro Escuela de cineastas e a continuidade da retrospectiva sobre Agnès Varda son outras das citas que vertebran a nova carteleira mensual. Baixo o título Ampliar os afectos. O cine de Sumiko Haneda, a cinemateca da Xunta e a Fundación Japón achéganlle ao público galego a obra desta cineasta nipoa, aínda moi descoñecida en Occidente. Francisco Algarín e Irene González-López presentarán mañá esta retrospectiva, da que son comisarios, facéndose eco do estudo e do recoñecemento crecente cara a Haneda.
A exposición pon o foco no rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá, así como características climáticas e orográficas, que contribuíron á xestación dunha atmosfera favorable para que agrome a literatura fantástica en Galicia, que se transmitiu orixinalmente de modo oral, ao redor da lareira. Deste xeito afóndase en catro bloques: a tradición popular galega, a fantasía, a ciencia ficción e o terror. Comisariada pola escritora Alba Rozas e o técnico da Biblioteca de Galicia Lorenzo Romero, a mostra permanecerá aberta ata o mes de maio no horario de apertura das instalacións. Esta proposta forma parte da programación impulsada pola Administración autonómica co gallo do Día das Bibliotecas, celebrado o pasado 24 de outubro.
Déronse a coñecer os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Amador a Luscofusco, de Rianxo (A Coruña), coa obra Fraktal, e no apartado Pro a Coidadobastón!, de Redondela (Pontevedra), coa función Recordari. Na sección Amador levou o segundo premio LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou Ingobernábeis (Apto/non apto), e o terceiro O Cadro, de Taboadela (Ourense), coa peza A puta namorada.
Tivo lugar a reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2024 na sede da Fundación Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. Tras a súa reunión, o xurado decidiu dar a coñecer os tres finalistas que competirán pola categoría Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros. Os seleccionados foron o torneiro Aitor Martínez (Tomiño), a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), e Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no traballo do coiro. Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego.
Os días 6 e 7 de novembro chega a undécima edición do CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC, que nesta ocasión leva o título ‘Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema’. Este evento, xa consolidado como un espazo de reflexión e debate, centrará esta vez o seu foco nas mulleres que traballan nos oficios do cinema menos visibles pero imprescindibles para a creación audiovisual, desde o son ata a produción e a montaxe. Organizado polo Grupo de Investigación en Estudos Audiovisuais da USC, o seminario pretende reivindicar o papel destas profesionais no sector audiovisual, un ámbito no que a presenza feminina segue sendo escasa, especialmente en áreas técnicas e creativas.
Dúas candidaturas galegas optan como finalistas aos XVII Premios Nacionales de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. O torneiro de Tomiño, Aitor Martínez opta ao premio Produto e o ebanista Fran Millán, do obradoiro Frouma Atlantic Wood, en Ribeira, competirá polo Premio Emprendemento. Os Premios Nacionais de Artesanía convócanse anualmente co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
Entre os nove asistentes están varios premios nacionais, como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras e Berta Dávila, que contan con esta distinción na categoría de Crítica; Ismael Ramos e Alba Cid, ambos os dous Premios Nacionais de Poesía Xove; e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. Súmanselle a esta delegación a cineasta Jaione Camborda, quen dirixiu O Corno, que se converteu na primeira película en galego en gañar unha Concha de Ouro no Festival de Donosti en 2023.
O Centro Dramático Galego inicia este xoves día 24 en Lugo a xira que levará o seu espectáculo Terceiro acto a oito escenarios durante o seu regreso ás táboas co gallo da celebración do 40º aniversario da compañía pública de Galicia. Materializarase así o percorrido que non fora posible levar a cabo con esta produción en 2021 por mor da pandemia. O Auditorio Municipal Gustavo Freire da capital lucense recibirá esta montaxe o xoves ás 20,30 h., na que será a súa primeira representación fóra do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da unidade teatral da Xunta. Alí vén de ofrecer 14 funcións tras a súa reestrea do pasado día 3, nas que tamén recibiu público dos preto de 50 concellos que fixeron uso do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?
« Anterior | 11  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

O Grupo de Investigación Románicas da Universidade de Santiago creou un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas medievais. A cartografía é froito do traballo dun equipo dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín, e no que participan a historiadora Mariña Bermúdez Beloso e as filólogas Carmen de Santiago e Helena Bermúdez.
O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) acaba de publicar a versión número 20 da súa base de datos textual, na que se engadiron este ano 640 novos documentos. Este proxecto está dirixido polo Catedrático de Filoloxía Latina da USC Xosé Carracedo Fraga e desenvólvese desde hai case 30 anos no marco dun convenio entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Este martes arrancou a programación de cursos de extensión universitaria do campus, os coñecidos como cursos de verán, coa proposta Ourense no tempo: historia, arte e tradicións (II). Ata o venres, case 50 persoas achegaranse ao pasado da provincia e ao seu patrimonio desde un punto de vista multidisciplinar e co reto de contribuír ao respecto e á conservación dos bens culturais a través do coñecemento dos seus significados e valores.
Foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku durante décadas pero a súa paixón é desde hai moito a lingua e a cultura galegas e exerce como auténtico embaixador cultural de Galicia no seu país natal. En recoñecemento a este labor, a Real Academia Galega recibiu a Takekazu Asaka como membro de honra nun acto celebrado en Cambados, a vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que verteu ó xaponés.
O próximo xoves, 6 de xuño, ás 6,30 da tarde, vaise celebrar a última sesión de LUGOPOÉTICA 2024, na sede da Uned en Lugo. Esta acción, promovida por Egeria co apoio da Uned e a Xunta de Galicia, comprende 6 xuntanzas de poetas de diferentes xeneracións poéticas, que conversan coordenados por Xulio Xiz, lendo anacos da súa obra.
Co obxectivo de “festexar a cultura, a música e o canto coral” que une a Galicia e Portugal, este sábado celebrouse no Teatro Principal o Encontro de Coros Universitarios, organizado polo coro do campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco). Nel, cantoras e cantores da UVigo compartiron escenario cos seus homólogos da Universidade do Minho, interpretando cada un deles nove cancións.
Tivo lugar o xoves 30 de maio no salón de plenos de Concello de Paradela a reunión do xurado do XXIX CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ, que organiza o propio Concello. Os primeiros premios foron para LUIS LEXANDEL P. G. (CUBA) na categoría de poesía; CRISTÓBAL S. P. (PONTEVEDRA) en narrativa, e JESÚS C. N. (SANTIAGO DE COMPOSTELA) na categoría Camiño de Santiago.
A Facultade de Filoloxía da USC acollerá entre os días 29 e 31 de maio o Simposio Internacional 'O que virá', no que se exporán distintas perspectivas críticas e teóricas da literatura contemporánea, cun especial interese pola latinoamericana. O encontro, que á súa vez é unha homenaxe á ensaísta e profesora arxentina Josefina Ludmer, recollerá achegas que fornecerán o debate sobre cuestións formais, tipolóxicas, editoriais, ecolóxicas, estéticas e culturais.
'Recordar e recoñecer a un Grande (con maiúsculas) da Filoloxía'. Esta é a idea coa que acaba de inaugurarse na Facultade de Filoloxía e Tradución Libros da UVigo para unha exposición en lembranza de Francisco Rico: de Petrarca a Cervantes, en homenaxe ao académico da Real Academia Española, especialista en literaturas medievais hispánicas, falecido en Barcelona o pasado mes de abril.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES