Notas de prensa

Un simposio internacional reflexionará sobre a literatura contemporánea

A Facultade de Filoloxía da USC acollerá entre os días 29 e 31 de maio o Simposio Internacional 'O que virá', no que se exporán distintas perspectivas críticas e teóricas da literatura contemporánea, cun especial interese pola latinoamericana. O encontro, que á súa vez é unha homenaxe á ensaísta e profesora arxentina Josefina Ludmer, recollerá achegas que fornecerán o debate sobre cuestións formais, tipolóxicas, editoriais, ecolóxicas, estéticas e culturais.

A conferencia inaugural deste encontro científico terá lugar ás 10.00 horas no salón de actos da facultade e, baixo o título ‘La literatura postautónoma en sociedades extremadamente violentas’ correrá a cargo de José. A. Sánchez Carbó, profesor da Universidade Iberoamericana-Puebla.

Posmonolingüismo e as literaturas posautónomas; violencia e denuncia na poesía mexicana actual; o baleiro como espazo poético; o teatro de Lola Arias; biografía e bioficción como lugar de encontro da literatura, a historia e a crítica; tradición e devir da vía ascestética na poesía; Instancias de lexitimación e mediación nos procesos actuais de circulación literaria transnacional, e xustiza climática e racismo ambiental en narracións máxico-realistas brasileiras son os temas dos relatorios que, xunto con sesións de presentación de investigacións por persoal investigador da USC, se sucederán nos tres días do simposio.

Xa o 31 de maio, a xornada contempla unha mesa redonda na que Antonio J. Gil González, da USC, e Carmen Morán Rodríguez, da Universidade de Valladolid, reflexionarán sobre a cuestión ‘O infinito: literatura mutante ou zombi?’. O simposio rematará coa conferencia de clausura a cargo de Ana Gallego Cuiñas, da Universidade de Granada, titulada ‘Figuras de escribots: autoría e intelixencia artificial’.

Dirixido por Paulo Gatica Cote e Sarah Vidal Horta e coordinado por María Díaz Fernández e David Lea, o simposio conta co apoio do Grupo de investigación Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o proxecto de investigación ‘Estéticas da obsolescencia: elementos para a análise das relacións entre literatura e novos medios, a Cátedra de cultura latinoamericana Alejo Carpentier, o Departamento de Lingua e Literatura españolas, Teoría da literatura e Lingüística xeral da USC e a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES